A directora xeral de Patrimonio Natural convocou esta mañá aos rexedores da Capela, As Pontes de García Rodríguez, Cabanas, Monfero e Pontedeume

A Xunta inicia a rolda de contactos para impulsar o Plan de xestión do Parque Natural das Fragas do Eume cunha reunión conxunta cos alcaldes da zona

Belén do Campo explica que o obxectivo é abrir un proceso de participación que marque a liña de traballo a seguir de cara á aprobación do documento o próximo ano

Tras este primeiro encontro, tamén se prevé celebrar reunións específicas con asociacións, comunidades de montes e entidades relacionadas co Parque

A Coruña, 28 de outubro de 2021

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda iniciou hoxe, cos alcaldes da comarca do Eume, unha rolda de contactos co fin de darlle un pulo definitivo ao futuro Plan reitor de uso e xestión (PRUX) do Parque Natural das Fragas do Eume, un documento que marcará as pautas a seguir para orientar o desenvolvemento económico, turístico e medioambiental deste espazo.

Con este obxectivo, a directora xeral de Patrimonio Natural, Belén do Campo, e o delegado territorial da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, convocaron esta mañá aos alcaldes da Capela, As Pontes —acudiu na súa representación o tenente de alcalde—, Cabanas, Monfero e Pontedeume a unha primeira reunión para trazar a liña de traballo a seguir e recadar toda aquela información de interese dos seus concellos que poida ser útil na elaboración do PRUX. Un proceso no que Belén do Campo pediu a colaboración dos rexedores para poder obter o documento máis completo posible.

Neste sentido, durante o encontro expuxéronse as liñas mestras dos obxectivos a acadar coa tramitación deste Plan, un instrumento concibido para definir as normas de utilización e xestión deste espazo protexido e cuxo contido se enmarca nas propias directrices do Plan de ordenación dos recursos naturais (PORN) en vigor.

O obxectivo inicial, tal e como lles trasladou do Campo durante a xuntanza, é que o PRUX das Fragas do Eume poida aprobarse en 2022, logo dun proceso participativo que garanta o maior consenso posible entre todas as partes implicadas na xestión deste espazo protexido único e singular, que forma parte da Rede Natura 2000, conta cunha superficie de case 10.000 hectáreas e alberga a mellor representación de bosque atlántico autóctono, ademais de ser o mellor conservado de toda Europa.

Para logralo e unha vez se peche a rolda de reunións conxuntas e individuais cos rexedores da zona, a intención da Xunta é continuar os contactos con outros colectivos con intereses no Parque Natural —comunidades de montes, asociacións e entidades públicas e privadas— co fin de seguir enriquecendo o traballo técnico previo do PRUX.

Imaxes relacionadas