O director xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade, Fernando González Abeijón, respondeu a unha pregunta na Comisión 5ª sobre a atención residencial

Política Social dará luz verde antes de que remate o ano á primeira normativa galega de ‘cohousing’

Atenderá deste xeito a crecente demanda de comunidades de vivendas con servizos compartidos

Pon en valor a calidade na atención ás persoas maiores nas residencias de Galicia, sexa cal sexa a súa titularidade

Santiago de Compostela, 28 de outubro de 2021

O director xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade, Fernando González Abeijón, destacou hoxe nunha resposta a unha pregunta no Comisión 5ª Sanidade, Política Social e Emprego, que a Xunta de Galicia dará luz verde antes de que remate o ano á primeira normativa galega de cohousing.

Fernando González Abeijón explicou que esta medida procura atender á crecente demanda de comunidades de vivendas con servizos compartidos. Estes pequenos núcleos de convivencia integraranse no seo do novo modelo de coidados e garantirán a autonomía de vida das persoas, que seguirán vivindo dentro da súa contorna, pero con seguridade, benestar e seguimento profesional.

Neste sentido, o director xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade puxo en valor a calidade nos coidados ás persoas maiores nas residencias galegas, sexa cal sexa a súa titularidade. Así mesmo, subliñou o “inmenso traballo realizado por todos os traballadores e traballadoras” para garantir os mellores coidados posibles nos centros residenciais.

Servizos de proximidade

O cohousing é unha das medidas nas que está a traballar o Goberno galego co principal obxectivo de achegar servizos de proximidade ás persoas de máis idade. A esta iniciativa innovadora súmanse outras de grande importancia na atención e coidados na contorna como o Servizo de Axuda no Fogar, as casas do maior ou o autobús de coidados porta a porta, que volverá a poñerse en marcha.

Imaxes relacionadas