A Xunta destaca o importante papel dos profesionais do Dereito Concursal e a necesidade da actualización continua da súa formación

O vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, participou esta mañá na inauguración do “XV Encontro en Galicia de Profesionais do Dereito Concursal”

Alfonso Rueda lembrou que na derradeira Comisión Mixta de Xustiza co TSXG solicitouse un novo xulgado do Mercantil na Coruña e 2 prazas de maxistrado, unha na sección 1ª da Audiencia Provincial de Ourense e na de Lugo, que comezarán a funcionar segundo indicou o Ministerio de Xustiza, a finais deste ano

Santiago de Compostela, 28 de outubro de 2021

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, destacou hoxe na inauguración do XV Encontro en Galicia de Profesionais do Dereito Concursal, o importante papel dos administradores concursais e a necesidade dunha formación continua para actualizar os coñecementos e dar resposta ás continuas modificacións legais neste ámbito.
Alfonso Rueda recoñeceu a complexidade do traballo que desempeñan estes profesionais do dereito concursal na loita por recuperar empresas que atravesan situacións complicadas que afectan aos seus traballadores, tanto na prestación de auxilio aos maxistrados dos xulgados mercantís que se encargan dos asuntos relacionados cos concursos de acreedores como na asistencia pericial por parte dos economistas que a Administración de Xustiza demanda.

Neste ámbito, a Xunta e o Consello Galego de Colexios de Economistas colaboran designación de economistas dos catro colexios da comunidade para atender as solicitudes de servizos periciais na asistencia xurídica gratuíta.

Na súa intervención, o vicepresidente primeiro da Xunta tamén incidiu en que a axilidade na tramitación dos expedientes concursais incidirá na mellora da economía, sobre todo no actual contexto marcado polo impacto económico derivado da pandemia do coronavirus.

Tamén co obxectivo de axilizar a actividade xudicial, a Xunta puxo en marcha un plan de choque, dotado con case 2 millóns de euros, do que se está a levar a cabo neste ano a súa segunda fase estendendo as medidas no reforzo de persoal e equipamento da primeira fase nos xulgados do Social e do Mercantil aos de 2ª Instancia.

Ademais, lembrou que na Comisión Mixta de Xustiza do pasado marzo acordouse co Tribunal Superior de Xustiza de Galicia solicitar ao Goberno central un novo xulgado do Mercantil na Coruña e 2 prazas de maxistrado, unha delas na sección 1ª da Audiencia Provincial de Ourense e outra na mesma sección da Audiencia de Lugo, que comezarán a funcionar segundo indicou o Ministerio de Xustiza, a finais deste ano.
Deste xeito, no caso do novo xulgado do Mercantil na Coruña o Goberno galego incide na necesidade de reforzar estes órganos xudiciais, xunto coas xurisdicións do Social, debido á especial incidencia da covid-19 co aumento de asuntos que afectan á cidadanía como Ertes, despidos ou concursos de acreedores.

O XV Encontro en Galicia de Profesionais do Dereito Concursal, organizado polo Consello Galego de Economistas, reúne de novo en Galicia e despois do parón do ano pasado debido á covid, a especialistas do ámbito académico, xudicial e profesional que debaterán sobre as novidades lexislativas de gran calado en materia concursal e dos retos abertos para o futuro concursal e mercantil.

Imaxes relacionadas