O director xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, Jacobo Rey, mantivo hoxe unha reunión coa Asociación de casas niño

A Xunta incrementará o orzamento para as casas niño nun 10% en 2022

O Goberno galego destinará máis de 2,3 millóns a estes recursos de conciliación no rural, fronte aos máis de 2,1 millóns destinados en 2021

A orde de subvencións pasará, ademais, a ter carácter plurianual, de maneira que abranguerá un período de tres anos e axilizarase a tramitación para cobrar antes os anticipos da subvención

As adxudicatarias poderán compartir unha persoa substituta entre casas niño da mesma zona ou comarca

Santiago de Compostela, 27 de outubro de 2021

O director xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, Jacobo Rey, mantivo unha reunión hoxe coa Asociación de casas niño na que lles trasladou o incremento que vai experimentar o investimento para as casas niño en 2022, que aumentará un 10% respecto ao do presente exercicio.

O director xeral sinalou, así, que a Consellería de Política Social destinará o vindeiro ano máis de 2,3 millóns de euros a estes recursos de conciliación no rural fronte aos máis de 2,1 millóns investidos en 2021. Son xa 90 os centros de atención a nenos de entre 0 e 3 anos que hai repartidos por toda a comunidade.

Orde plurianual

Outra das cuestións abordadas durante a reunión foi o cambio da orde de axudas para que teña un carácter plurianual. Deste xeito, abranguerá un período de tres anos, o que axilizará a tramitación e permitirá cobrar antes o anticipo da subvención. Con respecto, á orde do ano 2022, realizarase unha axilización dos trámites para que poidan cobrar o anticipo do 90% durante o mes de febreiro.

Por último, tamén se trataron outras cuestións como a posibilidade de compartir unha persoa substituta entre casas niño da mesma zona ou comarca, así como a ampliación dos días festivos.

Imaxes relacionadas