A directora da Axencia Galega de Innovación, Patricia Argerey, participou esta mañá en Madrid no congreso World ATM Congress e na feira Expodrónica

A Xunta presenta na feira de drons máis importante do sur de Europa o Polo Aeroespacial de Galicia

O Polo Aeroespacial de Galicia ten contribuído a mobilizar 164 millóns de euros de investimento público-privado, a empregar a máis de 900 profesionais e a poñer 60 solucións tecnolóxicas e produtos no mercado no período 2015-2020

Na nova etapa, o Polo aspira a consolidar a súa pegada industrial ao redor do sector aeroespacial coa creación de 24 novas empresas

Madrid, 27 de outubro de 2021

A directora da Axencia Galega de Innovación (Gain), Patricia Argerey, participou esta mañá en Madrid nunha mesa redonda sobre a proposta de Plan Estratéxico Aeroespacial Nacional, no marco do congreso World ATM Congress, a principal conferencia a nivel mundial sobre xestión do tráfico aéreo, e Expodrónica, a feira de drons máis importante no sur de Europa, que se están a celebrar conxuntamente estes días no recinto feiral de Ifema.

Argerey presentou na súa intervención as principais liñas da Estratexia do Polo Aeroespacial de Galicia para o período 2021-2025 e informou de que Galicia aspira a articular o proxecto estratéxico para a recuperación e transformación económica (Perte) Aeroespacial no ámbito dos vehículos non tripulados, no caso de que o Goberno finalmente o poña en marcha.

Neste contexto, o Polo Aeroespacial de Galicia preséntase como unha iniciativa estratéxica con grande capacidade transformadora e importantes resultados acadados na fase anterior 2015-2020: 164 millóns de euros de investimento público-privado mobilizado; colaboración con empresas tractoras como Indra, Babcock e Boeing e a implicación do ecosistema rexional; máis de 900 profesionais; 60 solucións tecnolóxicas e produtos xa no mercado de 655 desenvoltas; e a creación de cinco novas empresas en Galicia.

Argerey coincidiu co resto de relatores na necesidade de coordinarse, aproveitar as sinerxías entre as distintas iniciativas e non solaparse para que os fondos europeos Next Generation funcionen como un elemento de tracción e España poida gañar en dimensión e potencial, así como acadar un bo posicionamento neste segmento a nivel global.

Polo Aeroespacial 2021-2025

A directora da Axencia Galega de Innovación informou de que o Polo Aeroespacial de Galicia comeza agora unha nova etapa na que o Goberno galego aspira a mobilizar máis de 500 millóns de euros, dos que xa ten comprometidos 70 millóns de fondos públicos. O obxectivo é consolidar a pegada industrial ao redor do sector aeroespacial coa creación de 24 novas empresas, a proxección internacional a través da comercialización de novos produtos e tecnoloxías innovadoras e a xeración de emprego cualificado.
Así, definíronse sete programas que inclúen 30 actuacións, entre elas a licitación lanzada o pasado mes de xullo para seleccionar socios estratéxicos e tecnolóxicos para esta nova etapa. Ademais, o Centro para el Desarrollo Tecnológico Industrial (CDTI) en colaboración coa Xunta de Galicia sacou outra licitación para dotar ao Centro de Investigación Aeroportada de Rozas (CIAR) dun entorno de simulación avanzado de xestión do tráfico aéreo que o converta nun espazo de experimentación nunha contorna segura para promover avances na regulación.
Patricia Argerey apuntou hoxe que a planificación estratéxica da nova etapa do Polo está aliñada co Plan de Recuperación para Europa e co Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia español para aproveitar os fondos Next Generation, na medida en que estes están destinados a apoiar proxectos transformadores e creadores de riqueza a longo prazo e poderían contribuír a acelerar o desenvolvemento de Galicia neste sector.

Imaxes relacionadas