Avanzan a bo ritmo as obras dos novos centros de maiores de Riós e A Gudiña que a Xunta financia con 400.000 euros

O centro de día de Riós terá capacidade para atender a un máximo de 30 usuarios e no seu financiamento tamén participan a Deputación de Ourense e o propio Concello, ata acadar un investimento de 528.000 euros

O Consorcio sufraga a construción do centro sociocomunitario da Gudiña, ao que destina 200.000 euros
 

Riós e A Gudiña (Ourense), 27 de outubro de 2021

A Xunta está a financiar a construción de dous novos centros de maiores nos concellos ourensáns de Riós e A Gudiña aos que destina no seu conxunto 400.000 euros, 200.000 euros por equipamento. O xerente do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, Perfecto Rodríguez, visitou hoxe as obras destas dúas infraestruturas, que se prevé que estean rematadas a finais de ano, acompañado dos respectivos alcaldes: o orriolense Fracisco Armando Veiga; e o gudiñao José María Lago.

Perfecto Rodríguez destacou o bo ritmo dos traballos destas dúas novas instalacións que están a executar os Concellos, que tamén se encargarán da súa xestión cando entren en funcionamento. Así mesmo, subliñou o valor destes recursos para “garantir que os maiores teñan acceso a unha atención de calidade, vivan onde vivan”.

Ademais, o xerente do Consorcio fixo fincapé na importancia da colaboración entre as distintas Administracións públicas para “seguir mellorando a calidade de vida e o benestar das veciñas e veciños do rural”. Nesta liña, reafirmou o compromiso da Xunta para que os maiores que residen en concellos pequenos e as súas familias teñan preto das súas casas os coidados que necesitan.

Convenios

Estas dúas intervencións que agora se están a desenvolver son froito dos convenios de colaboración asinados no seu día entre a Consellería de Política Social, a través do Consorcio, e os Concellos de Riós e A Gudiña.

No centro de día de Riós, aos 200.000 euros que achega o Consorcio súmanse 250.000 euros da Deputación Provincial de Ourense e outros 78.000 euros de fondos do Concello, ata acadar un investimento total de 528.000 euros. O financiamento do Consorcio repártese en dúas anualidades: 75.000 euros no 2020 e outros 125.000 euros no presente exercicio.

O edificio, que terá unha capacidade máxima de 30 prazas, disporá dunha superficie superior aos 500 metros cadrados. O centro contará con diferentes espazos, como unha sala de rehabilitación, outra para usos polivalentes, unha destinada á atención dos futuros usuarios, zona de comedor e cociña, e outras dependencias comúns neste tipo de servizos.

Centro social para os maiores

En canto ao centro sociocomunitario da Gudiña, o Consorcio destina 200.000 euros para financiar a construción desta infraestrutura, co obxectivo de que se converta nun espazo de encontro para as persoas maiores do municipio.

Esta cantidade repártase en tres exercicios: 100.000 euros no ano 2018; 15.000 euros no 2019 e os 85.000 euros restantes na actual anualidade.
 

Imaxes relacionadas