Dous novos volumes completan a colección cos textos máis representativos da Xeración Nós impulsada por Hércules de Edicións co apoio da Xunta

O secretario xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, e o delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, participaron hoxe na presentación dos tomos que pechan a triloxía Do mellor de Nós

A iniciativa enmárcase no programa conmemorativo desenvolvido polo Goberno galego que inclúe tamén o proxecto ‘Semente de Nós’ de Sarabela Teatro e Ollo Vivo

Ourense, 27 de outubro de 2021

O secretario xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, participou hoxe en Ourense na presentación de dúas novas iniciativas que se enmarcan no programa conmemorativo desenvolto pola Xunta de Galicia con motivo da celebración do centenario da revista Nós, cuxo primeiro número viu a luz o 30 de outubro de 1920. Trátase de dous volumes que completan a triloxía Do mellor de nós, impulsada por Hércules de Edicións, e do proxecto Semente de Nós de Sarabela Teatro e Ollo Vivo.

Así, tras presentar o pasado febreiro o primeiro volume, Tradición Nacional de Galiza, hoxe Anxo M. Lorenzo e o delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, participaron xunto coa directora de Hércules de Edicións, Laura Rodríguez, no acto no que se deu a coñecer o segundo tomo, As belas letras da Renacencia, e o terceiro, Paideia da soberanía cultural da nación galega. Trátase dunha edición bilingüe en galego e castelán dirixida polo profesor, investigador e humanista Camilo F. Valdehorras.

Para Anxo M. Lorenzo, a publicación desta obra é unha necesidade desde o punto de vista tanto filolóxico coma cultural, xa que “non existen facsímiles da revista Nós desde hai máis de 15 anos nin no marco da oferta editorial nin no circuíto de edición comercial, e tampouco escolmas unitarias desde a edición de Nós”. O secretario xeral de Cultura incidiu tamén no carácter pedagóxico e divulgativo da iniciativa, capaz de achegarlle ao público non especialista a reprodución dos textos máis memorables do movemento intelectual representado pola Xeración Nós en Galicia na primeira metade do século XX.

Por outra banda, o representante da Consellería de Cultura, Educación e Universidade participou hoxe tamén na rolda de prensa para presentar o proxecto Semente de Nós de Sarabela Teatro e Ollo Vivo. Tal e como explicou, trátase dun docu-drama que actualiza o legado da Xeración Nós para amosar á mocidade “as nosas raíces culturais e construír o futuro desde os piares da arte, a ciencia, a memoria e a cultura”.

Xunto a Anxo M. Lorenzo, participaron nesta presentación Ánxeles Cuña Bóveda, directora de Sarabela Teatro e do proxecto escénico, e Lucía Estévez, directora do proxecto audiovisual e editora do mesmo.

Imaxes relacionadas