A Xunta destaca en Vigo a importancia de incentivar as vendas no comercio de proximidade

O director xeral de Comercio e Consumo, Manuel Heredia, participou hoxe na presentación da campaña Samaín 2021, organizada pola Asociación Zona Náutico

A campaña do Bono Activa Comercio do Goberno galego conta con preto de 20.000 usuarios na cidade viguesa e 346 comercios adheridos
 

Vigo, 27 de outubro de 2021

O director xeral de Comercio e Consumo, Manuel Heredia, destacou hoxe en Vigo a importancia de incentivar o comercio de proximidade a través de iniciativas locais de dinamización como a campaña Samaín 2021, que terá lugar a próxima fin de semana a cargo da Asociación Zona Náutico, en colaboración coa Xunta de Galicia.

Nela inclúense diferentes actividades, coa rúa Montero Ríos como epicentro, como animación de cabazas, tatuaxes e diferentes desfiles para animar as zonas comerciais desde o venres 29 ata o domingo 31 de outubro. “Unha divertida forma de achegar aos veciños e veciñas de Vigo ás tendas da súa contorna, ao mesmo tempo que contribúe á volta á normalidade e á recuperación trala pandemia”, apuntou Heredia, que visitou diferentes comercios da zona xunto á delegada territorial da Xunta en Vigo, Marta Fernández-Tapias.

O director xeral quixo salientar o apoio do Goberno galego á reactivación do consumo, a través de iniciativas como o Bono Activa Comercio, que conta con 19.627 usuarios e 346 comercios adheridos na cidade de Vigo, a través dun mobilizado de preto de 1,6M€. Así mesmo, recordou que o período de validez dos bonos continúa aberto ata o próximo 31 de outubro.
Segundo dixo, outra das prioridades é que o comercio de proximidade en Galicia se vaia adaptando ás novas demandas e formas de consumir que teñen que ver coa dixitalización e o comercio electrónico, aproveitando as vantaxes que ofrece o escaparate 4.0. Así, recordou a aposta que está a facer a Xunta de Galicia, a través da Vicepresidencia económica e Consellería de Economía, Empresa e Innovación, na modernización e dixitalización dos negocios, indicando que a última convocatoria de axudas chegou a 52 entidades na cidade viguesa a través dun investimento de máis de 540.000 euros.
Ademais, o director xeral fixo referencia ás liñas de axudas que se abriron para asociacións e federacións de comerciantes co ánimo de impulsar a competitividade do sector, uns apoios que en Vigo sumaron 13 beneficiarios a través dun investimento de preto de 500.000 euros.
 

Imaxes relacionadas