Galicia incrementará nun 16% o investimento para dependencia, que no 2022 acadará os 300 M€

Agradece a implicación do Executivo central neste ámbito, pero lembra que segue a incumprir o cofinanciamento á dependencia establecido por lei

Actualmente a Xunta destina o 75% dos fondos destinados á dependencia fronte ao 25% por parte do Estado
 

Madrid, 27 de outubro de 2021

A conselleira de Política Social, Fabiola García, apuntou que o Proxecto de orzamentos para o ano 2022 recolle un incremento do 16% dos fondos destinados á atención á dependencia. O vindeiro ano, este investimento acadará os 300 millóns de euros, como mostra da implicación da Xunta co coidado das persoas maiores e con discapacidade.

A conselleira apuntou este dato durante a reunión do pleno do Consello Territorial de Servizos Sociais e do Sistema para a autonomía e a atención á dependencia, onde destacou que en Galicia as persoas maiores teñen blindadas as prestación destinadas ao seu coidado.

Fabiola García sinalou que a reunión tivo un carácter construtivo e agradeceu ao Goberno central os pasos cara adiante no financiamento da atención á dependencia. Con todo, lembrou que segue a incumprirse o cofinanciamento equitativo establecido pola Lei de dependencia. O punto de partida é que a Xunta achega preto do 75% dos fondos destinados a esta materia, mentres o Executivo estatal asume o 25%.
 

Imaxes relacionadas