A Xunta salienta a boa evolución das exportacións galegas tras acadar un "récord histórico" no acumulado dos oito primeiros meses do ano

O director do Igape, Fernando Guldrís, visita Pinexports, axencia de fabricación internacional que, grazas ao Galicia Exporta Dixital, ten impulsado o comercio electrónico para que actúe baixo demanda para os seus clientes

Salienta que as exportacións galegas rozan os 15.000 millóns de euros entre xaneiro e agosto, o que representa unha mellora de case o 23% con respecto ao mesmo período do ano pasado

Pon en valor a colaboración público-privada a través de iniciativas como o Galicia Exporta Dixital, que só na provincia da Coruña ten permitido impulsar 90 plans de internacionalización cunha achega de case 3,3 millóns de euros

Destaca que o Goberno galego ten aberta a convocatoria da nova liña ReAcciona covid-19, que suma entre os seus servizos para pemes a análise de mercados internacionais e a elaboración de plans estratéxicos de internacionalización

A Coruña, 27 de outubro de 2021

O director do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), Fernando Guldrís, visitou hoxe na Coruña a empresa Pinexports, axencia de fabricación internacional que vén de impulsar, grazas ao programa Galicia Exporta Dixital da Xunta de Galicia, unha nova ferramenta que integra o comercio electrónico e que permite aos clientes realizar os seus pedidos de modo personalizado.

“Pinexports é un exemplo dese binomio internacionalización-dixitalización que vimos impulsando desde o Goberno galego e que está a permitir ao noso tecido empresarial gañar novos mercados”, salientou Guldrís, que puxo en valor que as últimas cifras de exportacións galegas amosan un “récord histórico” no acumulado dos oitos primeiros meses do ano.

Durante este período, detallou o director do Igape, as vendas da Comunidade ao exterior rozan os 15.000 millóns de euros, o que se supón un incremento de case o 23% con respecto ao mesmo período do ano pasado, situando a Galicia un punto por riba da media estatal. Deste xeito, as exportacións galegas superan nun 3% o rexistro do 2018, e nun 6,4% o do 2019, os mellores anos ata o de agora.

Unhas cifras ás que cabe sumar outras como o incremento do número de empresas exportadoras galegas, que alcanzou as 7340, o que supón un aumento de 1670 firmas (29,5%) con respecto ao mesmo período do ano pasado. Ou a boa situación da balanza comercial da Comunidade, que arroxa un superávit por sexto mes consecutivo, acadando un total acumulado de máis de 2328 millóns entre xaneiro e agosto.

Neste marco, Guldrís puxo en valor a cooperación público-privada, un esforzo conxunto que, segundo salientou, conta agora cunha nova Estratexia de Internacionalización para o período 2021-2025, unha folla de ruta que busca facilitar a saída ao exterior do tecido empresarial galego e que ten, como principais claves, a aposta pola dixitalización e a diversificación dos mercados exportadores.

“Programas como o Galicia Exporta Dixital contribúen á consecución destes obxectivos”, incidiu Guldrís, resaltando que, desde a súa posta en marcha, só na provincia da Coruña a liña ten permitido impulsar 90 plans de internacionalización cunha achega de case 3,3 millóns de euros

Xornada programa ReAcciona covid-19

O director do Igape participou tamén na xornada programa ReAcciona covid-19, organizada pola Confederación de Empresarios de A Coruña no marco desta nova liña de apoios activada pola administración autonómica.

Unha iniciativa que aspira a reforzar a posición das pemes galegas de cara á mellora da súa competitividade e para abordar novos mercados, enmarcada na propia filosofía do programa ReAcciona que o goberno galego ven desenvolvendo desde o 2012, reforzando a aposta pola economía circular.

“A posta en marcha dun servizo ReAcciona supón a implicación da empresa no desenvolvemento do proxecto de mellora, o que garante o éxito nos resultados”, expuxo Guldrís, quen salientou que, entre os seus obxectivos, a nova liña facilitará ás pemes a análise de mercados internacionais e a elaboración de plans estratéxicos de internacionalización.

“Os novos servizos deste programa que hoxe coñecedes axudaranvos a fortalecer e a capacitar ás vosas empresas e aos seus equipos ante os novos retos do mercado”, apuntou o director do Igape, quen lembrou que o prazo para a presentación de solicitudes permanecerá aberto ata o vindeiro día 15 de novembro.

Imaxes relacionadas