O conselleiro do Medio Rural respondeu unha pregunta sobre esta planificación no pleno do Parlamento

A Xunta pon en valor a Estratexia do viño para ter un sector consolidado e competitivo nos mercados

Segundo explicou José González, trátase tamén de aumentar o valor engadido dos viños galegos, mellorando a rendibilidade e a sustentabilidade da produción vitícola

O conselleiro destacou que este é un dos eidos produtivos “máis dinámicos e internacionalizados” da economía agraria de Galicia e lembrou que aglutina máis de 10.000 viticultores e case 500 adegas, cun valor económico duns 230 millóns de euros

Expuxo os principais contidos dos sete eixos fundamentais nos que se estrutura esta planificación, como son os da cooperación, a produción, a industria, a comercialización, a organización, o turismo e a gobernanza

Santiago de Compostela, 27 de outubro de 2021

A Estratexia de dinamización económica, territorial e turística das comarcas vitivinícolas de Galicia -impulsada pola Xunta a través da Vicepresidencia Primeira e Consellería de Presidencia, Xustiza e Turismo, da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación e da Consellería do Medio Rural- ten como principal obxectivo conseguir un sector consolidado e competitivo nos mercados nacional e internacional, cun enoturismo de referencia e con capacidade para xerar valor nas comarcas vitivinícolas de xeito sustentable. Persegue, ademais, aumentar o valor engadido dos viños galegos, mellorando a rendibilidade e a sustentabilidade da produción vitícola.

Así o trasladou hoxe o conselleiro do Medio Rural, José González, en resposta a unha pregunta no pleno do Parlamento na que debullou os principais contidos desta planificación estratéxica, un documento que -destacou- xa está a dar os seus froitos e que “contou cun intenso traballo participativo de todos os axentes da cadea de valor do viño galego”.

Nesta liña, González puxo en valor o feito de que o vitivinícola sexa un dos eidos produtivos “máis dinámicos e internacionalizados” da economía agraria de Galicia. Así, salientou que o sector aglutina, entre as cinco denominacións de orixe protexidas (DOP) e as catro indicacións xeográficas protexidas (IXP) de viño galego, máis de 10.000 viticultores e case 500 adegas, achegando un valor económico do viño cualificado de máis de 230 millóns de euros.

Eixos fundamentais

Para seguir impulsando e para consolidar este potencial é para o que a Xunta, de acordo co sector, puxo en marcha esta estratexia, segundo explicou o conselleiro, quen expuxo os principais contidos dos sete eixos fundamentais nos que se estrutura esta planificación. Trátase dos da cooperación, a produción, a industria, a comercialización, a organización, o turismo e a gobernanza.

No primeiro caso, a cooperación, procúrase fomentala entre as diferentes comarcas vitivinícolas e entre as denominacións e indicacións, para afrontar os retos da internacionalización en mercados cada vez máis globais. En relación co segundo eixo, o da produción, o conselleiro indicou que xa se traballa nun programa específico de mobilidade da terra, ao abeiro da Lei de recuperación, un labor conxunto coas cinco DOP, que xa trasladaron as mellores localizacións para implantar máis de 10.000 hectáreas de polígonos de viñedos.

Sobre o terceiro eixo estratéxico, a industria, José González lembrou que a Xunta impulsa liñas para facilitar o acceso ao crédito ás adegas, para financiar investimentos que permitan incrementar o tamaño das empresas e recordou tamén o préstamo vendima como instrumento financeiro creado pola Consellería para garantir a súa capacidade de resiliencia.

Con respecto ao cuarto eixo, o da comercialización, o conselleiro avogou por “equilibrar a presenza dos nosos viños nas distintas canles” e puxo en valor que as cinco DOP galegas son as que contan con maior prezo medio dos viños brancos tranquilos, tal e como recolle o informe Nielsen.

No eido da organización das denominacións, José González afirmou que cómpre traballar para compensar as variacións anuais da produción e para distinguir, dentro do conxunto, a cada DOP galega, evidenciando que dentro do sector vitivinícola “non todos os viños son iguais porque non todos os territorios son os mesmos”, advertiu o conselleiro.

Enoturismo

Outro eixo fundamental, o do turismo -e en especial o enoturismo- impúlsase dándolle pulo ao patrimonio natural, ao cultural e á paisaxe característica das comarcas vitivinícolas co obxectivo de acadar, deica 2025, un sector consolidado e competitivo, cun enoturismo de referencia e con capacidade para xerar valor engadido de xeito sustentable.

Por último, no sétimo eixo incídese na mellora da gobernanza destas comarcas, impulsando a coordinación e a cooperación dos axentes do territorio para incrementar a súa capacidade de xeración de valor e mellorando a rendibilidade e a sustentabilidade da produción, de cara a impulsar a súa comercialización.

Imaxes relacionadas