O conselleiro de Cultura responde unha interpelación no Parlamento

Román Rodríguez subliña un investimento de 42 M€ para reactivar a cultura reforzado agora co novo Bono

Recorda que a prioridade do Goberno autonómico na pandemia foi “manter a actividade con formatos adaptados para que o sector seguise traballando”

Agarda que a actual situación sanitaria sexa un punto de inflexión, para o que o Goberno galego activa a partir do vindeiro luns o Bono Cultura

Santiago de Compostela, 27 de outubro de 2021

O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, salientou o investimento de 42 M€ que a Xunta de Galicia destinou á reactivación do sector cultural ao longo deste ano, que agora se verá reforzado co Bono Cultura, a iniciativa que botará a andar o vindeiro luns 1 de novembro con descontos para incentivar o consumo entre a cidadanía.

O responsable de Cultura indicou hoxe no Parlamento que o Goberno autonómico emprendeu desde o primeiro momento un traballo de constante diálogo co sector “con urxencia para dar unha resposta aos sectores creativos” a través de axudas directas ás empresas e profesionais, coa posta en macha de ata tres plans de rescate e converténdose na primeira comunidade en aprobar un Plan de Reactivación Cultural.

Tamén se referiu ás políticas encamiñadas a manter a programación porque, como engadiu, “a gran prioridade deste Goberno pasou sempre por manter a actividade cultural con novos formatos, reforzando as estruturas de programación e incentivando o consumo”. “Sempre quixemos que o sector puidese continuar traballando”, declarou.

Intenso outono cultural

Como resultado, e referíndose a algúns indicadores da recuperación, o conselleiro fixo balance do verán no que a Xunta, en colaboración con outras entidades, programou máis de 3.000 actividades. Agora, coa mellora da situación sanitaria, “o compromiso coa cultura segue a ser o mesmo non só pensando na reactivación das industrias culturais galegas, senón tamén pensando en retomar a senda do crecemento”, engadiu.

Neste sentido, recordou unha das apostas da Xunta para este outono cultural do Xacobeo, o Bono Cultura. Trátase do programa de descontos en produtos e servizos culturais para o que xa se inscribiron máis de 300 empresas e que botará a andar o vindeiro luns 1 de novembro. Desde ese día, calquera persoa maior de idade residente en Galicia poderá descargar o seu bono de 50% a través de bonocultura.gal. Con el, poderá obter descontos na compra de produtos e servizos culturais. “Suporá unha mobilización de 4 M€ de euros neste último trimestre en establecementos como librarías, salas de cine, salas de espectáculos, museos, teatros... adheridos ao programa”, expresou.

Román Rodríguez recordou que neste último trimestre do ano, a Xunta programa tamén máis de 2.500 actividades culturais e o compromiso do Goberno continuará o vindeiro ano cun orzamento cultural que medra un 6% con respecto ao do ano anterior.

Imaxes relacionadas