A Xunta confía na capacidade e potencial de Galicia para posicionarse como rexión referente en xeración renovable

A directora xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, Paula Uría, participou nunha xornada en Ourense sobre enerxías limpas na que informou de que o Goberno galego vén de ampliar as axudas destinadas a mellorar a eficiencia enerxética en empresas ata os 31 M€

Ourense, 27 de outubro de 2021

A directora xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, Paula Uría, participou esta mañá en Ourense na xornada Galicia, potencia en enerxías renovables, organizada polo Círculo de Empresarios de Galicia, APD e Cluergal, na que destacou que Galicia ten capacidade e potencial para posicionarse como rexión referente en xeración renovable, almacenamento e tecnoloxías asociadas.

De feito, Uría lembrou que Galicia é a segunda comunidade en xeración de enerxía eléctrica a partir de fontes renovables e lembrou que desde a Xunta se está a traballar por unha Galicia neutra en carbono en 2050, que sexa eficiente e competitiva, ademais de renovable e sostible. Tamén destacou a aposta do Goberno galego por constituír un polo enerxético innovador.

A directora xeral subliñou que, nun contexto como o actual, marcado polos elevados prezos enerxéticos que están impactando no tecido económico e nos fogares, faise necesario impulsar a xeración eléctrica e o autoconsumo. Neste sentido, a Xunta amosa o seu compromiso con axudas que están tratando de conter a escalada de prezos para apoiar a familias e empresas a facer fronte ás elevadas facturas enerxéticas.

Así, xa está aberta a convocatoria para promover o autoconsumo e o almacenamento no sector empresarial, cunha dotación de 19,8 M€ e, tal e como informou a directora xeral, a Xunta vén de incrementar en 15 M€ máis a liña de axudas de eficiencia enerxética para a industria, que xa contaba con 16 M€ –cos que, ata o de agora, se levan apoiado 40 empresas, cun mobilizado de máis de 50 millóns de euros–. Con estes apoios as industrias poden reducir o consumo, os custos enerxéticos e, polo tanto, mellorar a súa competitividade.

Uría finalizou poñendo en valor o papel das renovables e da aposta pola eficiencia enerxética e a sustentabilidade á hora de impulsar a recuperación económica, o crecemento empresarial e a xeración de emprego.

Imaxes relacionadas