A Xunta convoca en novembro e en xaneiro aos titulares dos terreos necesarios para executar unha senda no núcleo da Tablilla, no concello de Cerceda

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a convocatoria do levantamento de actas previas para o 8 de novembro e da súa formalización para o 24 de xaneiro

A intervención na estrada autonómica AC-413, que tamén beneficia ao municipio de Tordoia, suporá un investimento autonómico de máis de 125.000 euros

Construirase unha senda na marxe esquerda da estrada de algo máis de 400 metros, cunha anchura de 2 metros e separada da calzada por un bordo, para reforzar a seguridade viaria e favorecer os desprazamentos a pé dos veciños
 

Santiago de Compostela, 27 de outubro de 2021

A Xunta publica hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG) a convocatoria en novembro e en xaneiro aos propietarios dos terreos necesarios para executar unha senda peonil na estrada autonómica AC-413, no entrada ao núcleo da Tablilla desde Ordes, no concello de Cerceda.

O acto de levantamento de actas previas á ocupación dos terreos fíxase para o 8 de novembro, ás 10 horas, na Casa Consistorial de Cerceda. A formalización das actas e o pagamento dos depósitos previos levarase a cabo o día 24 de xaneiro no mesmo horario e localización.

No seguinte enlace ao DOG pódese ampliar a información relativa ao anuncio: https://bit.ly/3bePPCY

Esta actuación, que tamén beneficia ao municipio de Tordoia, suporá un investimento autonómico que supera os 125.000 euros,

A previsión da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade é licitar a execución da obra a finais de ano ou principios do 2022. Os traballos contan dun prazo de execución de 6 meses.

A intervención

O proxecto recolle a construción dunha senda na marxe esquerda da estrada de titularidade da Xunta, no treito comprendido entre os puntos quilométricos 11+960 e 12+385. Trátase de seguir mellorando a seguridade viaria na contorna e dotar un itinerario peonil continuo ao longo da vía que facilite os desprazamentos a pé dos veciños.

O novo itinerario de algo máis de 0,4 quilómetros proxéctase en formigón cor terrizo natural e estará limitado da calzada por un bordo que o diferencie do resto da plataforma. O ancho do itinerario será constante, acadando os 2 metros.

Nesta actuación inclúese a execución da rede de pluviais, rede de alumeado público, reposición de sinais e marcas viarias de bordo da calzada.

O departamento que dirixe Ethel Vázquez, segue dando cumprimento ao seu compromiso de habilitar nas estradas da súa titularidade itinerarios peonís seguros, sostibles e integrados na paisaxe.

A Xunta ten solicitado á Dirección Xeral de Tráfico a instalación de medidas para o control de velocidade na recta da Tablilla, de cara ao calmado de tráfico e ao reforzo da seguridade viaria nesa zona.