A conselleira de Política Social, Fabiola García, compareceu esta tarde no Parlamento de Galicia para responder a unha interpelación

Fabiola García salienta a total transparencia da Xunta desde o inicio da pandemia fronte ao escurantismo do Goberno central

Desde o primeiro momento da pandemia, ofreceuse diariamente información sobre os casos positivos e falecementos por coronavirus nos centros residenciais
 

Santiago de Compostela, 26 de outubro de 2021

A conselleira de Política Social, Fabiola García, subliñou esta tarde “a absoluta transparencia informativa” na notificación dos casos de covid nas residencias, en contraposición co escurantismo do Goberno central. Díxoo en resposta a unha interpelación no Parlamento de Galicia na que volveu agradecer o traballo e o esforzo realizado polo persoal sanitario e do sector asistencial durante a pandemia.

Fabiola García lembrou que desde o primeiro momento da emerxencia sanitaria, a Xunta deu conta de xeito diario de todos os positivos que se rexistraban en cada un dos centros residenciais, así como da idade e sexo das persoas falecidas. Unha transparencia que, a pesar de que a incidencia da covid é hoxe moito menor, continúa co envío a medios dunha comunicación actualizada, semanalmente, da situación nestes centros.

A conselleira resaltou tamén o bo facer e a profesionalidade do persoal sanitario e dos centros residenciais para lograr que dez meses despois do inicio do proceso de vacinación todos os usuarios das residencias estean inmunizados e conten coas tres doses. Trátase, engadiu, dunha “moi boa noticia que, efectivamente, marca o inicio do fin da pandemia”.

Fabiola García instou a mirar cara ao futuro e a seguir a traballar na mellora das políticas sociais, coa finalidade de que “os servizos sociais sigan avanzando”. Neste sentido, destacou que a Consellería disporá no 2022 do maior investimento autonómico da historia, con máis de 927 millóns de euros de orzamento.

Levantamento de restricións

A conselleira sinalou que a situación epidemiolóxica actual é moito mellor que hai un ano. Como exemplo, puxo o levantamento das restricións nos centros de maiores, así como o control periódico dos traballadores a través de cribados.

Ademais, quixo dedicar tamén un sentido recordo ás persoas que faleceron en Galicia desde o inicio da pandemia, e defendeu a vontade dos galegos de avanzar sen esquecer os duros momentos vividos nin ás persoas que nos deixaron.
 

Imaxes relacionadas