Román Rodríguez pon a Galicia como exemplo de convivencia e inclusión nas aulas

Salienta a importancia de artellar un modelo educativo que, ademais de aportar coñecemento, impulse unha educación cívica “que sexa capaz de formar bos estudantes e tamén bos cidadáns”

A Xunta, en colaboración cos profesionais e colectivos implicados, traballa nunha nova Estratexia de Inclusión e Atención á Diversidade para consolidar os avances da última década e dar resposta aos retos de futuro neste eido
 

Madrid, 26 de outubro de 2021

O conselleiro de Cultura, Educación e Cultura, Román Rodríguez, salienta que o modelo educativo galego é un exemplo de convivencia e inclusión, como avalan os principais indicadores como PISA e os informes do Ministerio. Así o expuxo esta tarde no Congreso Internacional Enseñar la Constitución, educar en democracia que durante hoxe e maña reúne en Madrid a expertos internacionais para debater e intercambiar ideas sobre a educación en valores.

Na súa intervención, Román Rodríguez sinalou que a función da educación vai máis aló da aprendizaxe de coñecementos, xa que xoga un papel esencial “no desenvolvemento dos nenos como persoas e como cidadáns”. De aí que reivindique a formación en valores como “un eixo transversal” nas políticas educativas “que nos permita formar bos estudantes e tamén bos cidadáns”. Nesta liña, asegurou que unha das prioridades do Goberno galego é que as aulas “sexan verdadeiros espazos de inclusión”.

Nova Estratexia de Inclusión e Atención á Diversidade

De feito nestes momentos a Xunta, en colaboración cos profesionais e entidades implicadas, está trallando no deseño da nova Estratexia de Inclusión e Atención á Diversidade de cara aos vindeiros anos. Precisamente, como base para esta estratexia, no día de hoxe o Diario Oficial de Galicia publica a orde que condensa toda a normativa da última década (espallada ata o de agora en diversas accións individuais como ordes, resolucións, circulares ou protocolos entre outros) no que atinxe á atención á diversidade. Este texto, que xa foi previamente distribuído entre os profesionais e implicados, está deseñado para axudar a interpretar e a resolver dúbidas que foron xurdindo ao longo do tempo.

Cómpre lembrar que Xunta de Galicia leva anos implementando accións específicas neste sentido a través da Estratexia Galega de Convivencia Escolar actualmente vixente. De feito foi a primeira comunidade autónoma en establecer un protocolo para a prevención, detección e intervención en acoso e ciberacoso e a segunda en incluír no seu currículo educativo unha materia sobre igualdade de xénero, que se foi completando con outras como Coeducación para o século XXI ou Sociedade Inclusiva, entre outras medidas no ámbito da FP ou da formación do profesorado.

Un esforzo que “está dando o seus froitos”, asegurou o conselleiro, como se pode comprobar nos últimos resultados PISA, que sitúan o alumnado galego nos postos de cabeza en tolerancia e respecto a outras culturas, ou no Macrocuestionario sobre convivencia escolar, onde o 90% dos enquisados afirmaron que non existen problemas de convivencia no seu centro escolar.

Román Rodríguez referiuse tamén ao modelo educativo plurilingüe “totalmente normalizado e avalado polos resultados, xa que somos a comunidade onde o alumnado fala dúas ou máis linguas con más facilidade, incluso por diante do resto de comunidades con lingua propia”.

Finalmente destacou o papel dos centros escolares na difusión e promoción das boas prácticas e da educación en valores “que despois se trasladan a súa vida familiar, persoal e á súa contorna social”.

 

Imaxes relacionadas