A Xunta apoia unha nova publicación que analiza a relación da cidade de Santiago co cine en dúas décadas

O secretario xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, participa na presentación do libro ‘Compostela no cinema. Apuntamentos da cidade do século XXI’, de Yolanda López

Santiago de Compostela, 26 de outubro de 2021

O secretario xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, participou hoxe no Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC) na presentación do libro Compostela no cinema. Apuntamentos da cidade do século XXI, un traballo da historiadora Yolanda López publicado polo Consorcio de Santiago e a Editorial Guiverny co apoio da Xunta.

Como expresou, trátase dun libro froito dun intenso traballo de investigación que emprega o cinema e a ficción para analizar “a percepción da cidade no imaxinario colectivo e constata como a produción audiovisual é quen de avanzar na divulgación do patrimonio e da historia de Galicia”, expresou.

Na obra, editada en galego e castelán, analízanse 11 filmes representativos e incorpora entrevistas a directores, guionistas e produtores. Está organizado en tres bloques: a Compostela literaria, a tradición xacobea e a cidade transitada. Revísanse, entre outras, as adaptacións cinematográficas O lapis do carpinteiro de Antón Reixa, Trece badaladas de Xavier Villaverde e Doentes de Gustavo Balza.

No apartado da tradición xacobea analízanse películas como The Way de Emilio Estévez; Tres en el camino de Laurence Boulting ou O Apóstolo, de Fernando Cortizo, entre outras. No bloque de cidade transitada a autora analiza filmes como 18 comidas de Jorge Coira, A noite que deixou de chover e Encallados de Alfonso Zarauza, entre outras. A autora engade o prisma televisivo, con series como Hospital Real, El final del Camino e Tres caminos.