A Xunta habilita 6 M€ en axudas para mellora e dotación de equipamentos poscovid no sector turístico e da hostalería

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, informa desta nova convocatoria da Axencia Turismo de Galicia, que ten aberto o prazo de solicitude ata o 8 de novembro

As achegas oriéntanse a hoteis, hostais, casas rurais e outros tipos de aloxamento e bares, restaurantes e cafeterías e contemplan ata o 90% do investimento cun máximo de 50.000€

O Grove, 26 de outubro de 2021

A Xunta de Galicia, a través da Axencia Turismo de Galicia, vén de habilitar unha liña de axudas dotada con 6 millóns de euros para mellora e dotación de equipamentos poscovid no sector turístico e da hostalería co obxectivo de seguir colaborando na modernización das súas instalacións e na consecución da maior seguridade sanitaria.
O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, informou desta nova convocatoria do Goberno galego nunha visita ao restaurante D´Berto, no Concello do Grove, que se beneficiou dunha achega na anterior convocatoria deste ano -orientada á mellora de infraestruturas turísticas na hostalería- para a instalación de paneis solares fotovoltaicos.
Grazas a esta axuda, o establecemento dotouse de 70 m2 de paneis que acadan unha produción de case 1.300 horas de enerxía ao ano, o que permite que o restaurante consiga un aforro de case 10.000 kWh, o que supón o 40% do seu consumo e máis de 1.500 euros anuais.
“Seguimos impulsando accións de mellora da competitividade para o sector turístico co obxectivo de superar os 120 millóns de euros en achegas no presente exercicio, xa que sabemos que son inxeccións moi importantes para superar o impacto da pandemia e para seguir incrementando os estándares de calidade dun ramo económico fundamental, que se está a recuperar rapidamente grazas ao esforzo de todos para consolidar a Galicia no destino de moda e de referencia en España e Europa no que se converteu nos últimos meses”, manifestou o representante autonómico.
A liña de axudas da Xunta para a dotación de equipamentos poscovid, publicada no DOG do pasado 6 de outubro, ten aberto o seu prazo de solicitude ata o vindeiro 8 de novembro e está orientada a micropemes e pemes do sector da hostalería, como hoteis, hostais, casas rurais ou outro tipo de aloxamentos e bares, restaurantes e cafeterías.
Os beneficiarios poderán recibir achegas de ata o 90% do seu investimento cunha contía máxima de 50.000 euros e as actuacións deberán orientarse á adquisición de medidores da calidade do aire, que é unha das medidas esixidas no novo protocolo do sector, sistemas domóticos ou de check-in automático, redes de control de distancia, accesos e aforos, infraestruturas de ventilación e climatización do aire, cartelería, rotulación ou sinaléctica vencellada á crise sanitaria, servizos ou materiais de reforzo da limpeza e desinfección ou obras de mellora dos locais para a creación de espazos de maior amplitude e versatilidade.

Imaxes relacionadas