A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, a presidenta de Portos de Galicia, Susana Lenguas, e o delegado da Xunta, Gonzalo Trenor, participaron hoxe no Consello de Administración extraordinario da Autoridade Portuaria da Coruña

A Xunta celebra a aprobación pola Autoridade Portuaria da Coruña do proxecto e do convenio para impulsar a conexión ferroviaria de Punta Langosteira

O Goberno galego destaca que este gran avance é posible grazas a que o presidente da Xunta acadou o compromiso do Goberno de España para licitar a conexión

Agárdase agora a máxima axilidade por parte do resto de organismos, dependentes do Executivo central, que deben autorizar o convenio para poder asinalo e licitar as obras o antes posible

A Xunta destaca a importancia crucial do ferrocarril do Porto Exterior para a competitividade da infraestrutura e para a liberación dos peiraos interiores, imprescindibles para o obxectivo da recuperación da fachada marítima da cidade

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade destinará o vindeiro ano 1,7 M€, dentro dunha planificación total de 20 M€, á integración urbana da fachada marítima

A Coruña, 26 de outubro de 2021

A Xunta celebra a aprobación hoxe por parte da Autoridade Portuaria da Coruña do proxecto técnico e do convenio para impulsar a conexión ferroviaria de Punta Langosteira.

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, a presidenta de Portos de Galicia, Susana Lenguas, e o delegado territorial da Xunta, Gonzalo Trenor, participaron hoxe na reunión extraordinaria do Consello de Administración da Autoridade Portuaria, que aprobou por unanimidade o proxecto construtivo do enlace ferroviario do Porto Exterior, así como o convenio que establece os compromisos de cada administración no seu desenvolvemento.

A Xunta destaca que este importante avance é posible grazas ao logro acadado polo presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, que conseguiu un compromiso do Goberno de España, a través do anterior ministro de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana, José Luis Ábalos, para licitar as obras desta conexión ferroviaria.

O Goberno galego lembra o carácter estratéxico desta actuación, tanto para reforzar as potencialidades do propio Porto e garantir o seu desenvolvemento futuro, como para apuntalar a competitividade do tecido empresarial da área da Coruña.

Por ese motivo, cómpre agora agardar que os organismos dependentes do Goberno de España, que tamén deben ratificar o convenio, axilicen os trámites para poder asinalo e, a continuación, licitar as obras e adxudicalas.

Esta aprobación hoxe tamén constitúe un paso necesario para liberar os peiraos interiores e recuperar a fachada marítima da Coruña.

A Xunta vén de plasmar o seu compromiso con este obxectivo no Proxecto de Lei de orzamentos para o 2022, recollendo un investimento total de 20 millóns de euros.

Os Orzamentos autonómicos recollen un investimento xa no vindeiro ano de 1,7 millóns de euros na recuperación da fachada marítima. Este investimento destinarase á adquisición e á urbanización dos terreos dos peiraos de Batería e de Calvo Sotelo nun 20% e ao impulso do equipamento público proxectado.

A achega determinante da Xunta para o impulso do tren a Punta Langosteira e para a recuperación da fachada marítima súmase ao traballo realizado no impulso doutras actuacións estratéxicas na cidade por parte do Goberno galego, como o novo hospital público ou a estación intermodal.

Imaxes relacionadas