A Xunta publica o decreto expropiatorio para a execución das sendas peonís e ciclistas en Montealegre e en Valdorregueiro, no Concello de Ourense

O Diario Oficial de Galicia recolle hoxe o Decreto polo que se declara a utilidade pública dos terreos afectados pola construción dos novos itinerarios proxectados nas estradas autonómicas OU-101 e OU-150

Esta actuación de fomento da mobilidade sostible e de mellora da seguridade viaria suporá un investimento autonómico de case 1,27 M€

Executarase unha senda de case 1,3 quilómetros pola marxe dereita da OU-101 para darlle continuidade ao treito de beirarrúa existente ata chegar á marquesiña do autobús

A segunda senda terá case 1 quilómetro e construirase na marxe dereita da OU-150, desde o cruce coa N-525 ata o comezo do treito da ponte sobre o rego de Valdorregueiro

A iniciativa enmárcase no Plan de Sendas de Galicia para a comarca de Ourense, co que a Xunta impulsa itinerarios peonís seguros, sostibles e integrados na paisaxe nas vías da súa titularidade

Santiago de Compostela, 26 de outubro de 2021

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade publica hoxe no Diario Oficial de Galicia o decreto polo que se declara a utilidade pública e se dispón a urxente ocupación dos terreos necesarios para a construción dos itinerarios peonís e ciclistas das estradas autonómicas OU-101, en Montealegre, e na OU-150, en Valdorregueiro, no concello de Ourense.

No seguinte enlace ao DOG pódese ampliar a información relativa ao Decreto.

Esta actuación ten como obxectivo mellorar a mobilidade e a seguridade viaria nas zonas destas estradas autonómicas que carecen na actualidade dun espazo propio para o tránsito de peóns.

O departamento que dirixe Ethel Vázquez investirá preto de 1,27 millóns euros nestas obras, un importe que inclúe o aboamento dos 45 predios necesarios para a súa execución. A intervención é susceptible de contar co cofinanciamento de fondos europeos React-UE.

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade procederá ao levantamento de actas previas e á licitación das obras a finais deste ano ou a principios de 2022. Os traballos contan cun prazo de execución de seis meses.
A intervención deseñada polo departamento de Infraestruturas da Xunta consiste na execución de dous itinerarios peonís e ciclistas no treito de Montealegre, entre os puntos quilométricos 1+020 e 2+130 da estrada OU-101, e no treito de Valdorregueiro, entre os puntos quilométricos 0 e 1+030 da OU-150.

Construiranse dúas sendas de uso mixto de ancho variable, cun mínimo 1,80 metros, adosadas pola marxe dereita das estradas e separadas do tronco por diferentes elementos: vexetación máis bordo, de 1 metro de ancho, un bordo de sinalización ou a combinación de ambos. O bordo irá 3 centímetros elevado sobre a rasante.

O primeiro itinerario peonil e ciclista, de case 1,3 quilómetros de lonxitude, executarase na OU-101 e comezará no citado punto 1+020, para discorrer pola marxe dereita e dar continuidade a un treito de beirarrúa existente, rematando na zona da estrada na cal se sitúa unha marquesiña do autobús. Ademais reacondicionarase a beiravía, substituíndoa por formigón e colocando un pretil urbano.

O outro itinerario, de case 1 quilómetro de lonxitude, executarase pola marxe dereita da estrada OU-150, desde o cruce coa estrada N-525 ata o comezo do treito no que se sitúa a ponte sobre o rego de Valdorregueiro.

Na actuación proxéctase a execución de cinco muros de sostemento realizados en escollera na senda da OU-101 e catro muros de sostemento na senda adxacente a OU-150. O proxecto tamén prevé a instalación das sinalizacións vertical e horizontal e a adecuación das paradas de autobús.

Plan de Sendas de Galicia

Estes novos itinerarios enmárcase no Plan de Sendas de Galicia para a comarca de Ourense como parte da estratexia impulsada pola Xunta, de incremento da seguridade de peóns e ciclistas, debido a que son os usuarios máis vulnerables das estradas, e de promoción dunha mobilidade máis sostible, favorecendo modos de desprazamento menos contaminantes.

A Xunta mantén o seu compromiso de habilitar, nas estradas da súa titularidade, itinerarios peonís seguros, sostibles e integrados na paisaxe.