A Xunta publica no DOG o cambio de titularidade a prol do concello de Silleda das vías PO-210 e PO-211 de conexión coas estacións ferroviarias

O obxectivo da transferencia ao municipio é adaptar as vías á súa actual funcionalidade local, derivada do progresivo abandono das estacións de tren de Silleda e Bandeira

Con esta transferencia o Concello asume a xestión e conservación destes tramos

Santiago de Compostela, 26 de outubro de 2021

A Xunta publica hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG) a transferencia a prol do Concello de Silleda das estradas autonómicas PO-210 e PO-211, que unen os núcleos da vila coas estacións ferroviarias.

No seguinte enlace ao DOG pódese ampliar a información relativa a esta transferencia, aprobada na reunión do Consello da Xunta do pasado día 14 de outubro: https://bit.ly/3mdU2gc

O Concello de Silleda solicitou ao departamento de Infraestruturas da Xunta a transferencia da titularidade das citadas vías autonómicas cuxa finalidade inicial de acceso ás estacións de ferrocarril de Silleda e da Bandeira decaeu co progresivo abandono das terminais de tren.

Trátase de dúas vías autonómicas que discorren na súa totalidade polo municipio de Silleda e teñen un tráfico rodado de ámbito fundamentalmente local. O cambio de titularidade facilitará adaptar as vías a esta funcionalidade actual.

O departamento que dirixe Ethel Vázquez, de acordo cos informes emitidos polos servizos da Axencia Galega de Infraestruturas de Pontevedra, formula a proposta favorable de transferencia da estrada PO-210, de algo máis de 2 quilómetros de lonxitude, que une A Bandeira coa estación ferroviaria da Bandeira; e da estrada PO-211, que comunica Silleda e a estación ferroviaria da vila, cunha lonxitude de 3,37 quilómetros.

A transferencia a prol do Concello de Silleda tramítase de acordo co previsto na Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, que estable a súa aprobación por decreto da Xunta, a proposta da Consellería competente en materia de estradas, e logo do acordo entre as administracións implicadas.

O cambio de titularidade será efectivo desde mañá. A partir da entrega, o Concello de Silleda terá a competencia para actuar nestes treitos e asume a responsabilidade da súa conservación e mantemento.