A Consellería de Infraestruturas vai comezar unha campaña de enquisas masivas nos autobuses para identificar as necesidades concretas de mobilidade dos usuarios e achegar as respostas axeitadas

A Xunta aborda cos alcaldes da comarca de Ferrolterra a mellora dos servizos de autobús de conexión coa Coruña

O Goberno galego incorporará as achegas dos concellos á proposta que está a redactar a concesionaria para adaptar a oferta de servizos á demanda actual

Estas melloras sumaranse a outras en marcha como a ampliación a pasada primavera das frecuencias directas entre Ferrol e A Coruña, o recente aumento da capacidade dos buses ou o acordo para reforzar as liñas ao IES de Fene

Santiago de Compostela, 25 de outubro de 2021

A Xunta abordou hoxe cos alcaldes da comarca de Ferrolterra a mellora dos servizos de autobús que conectan a comarca coa Coruña.

O director xeral de Mobilidade, Ignacio Maestro, mantivo un encontro co alcalde de Cabanas, Carlos Ladra Brage; de Mugardos, Juan Domingo de Deus; de Ares, Julio Iglesias; de Fene, Juventino Trigo; e de Valdoviño, Alberto González; co tenente de alcalde de Narón, Guillermo Sánchez; o concelleiro de Mobilidade de Ferrol, Julián Reina; co segundo representante do Concello de Ferrol no Pleno da Mancomunidade de Concellos da Comarca de Ferrol, Iván Rivas Rico; e co xerente da Mancomunidade, Luis Alcalá Baillie.

Ignacio Maestro trasladoulles aos representantes municipais que a Xunta vai comezar unha campaña de enquisas masivas a bordo dos autobuses co obxectivo de coñecer con detalle as necesidades de mobilidade dos usuarios.

Ademais, solicitoulles a súa implicación e participación como concellos para actuar de xeito coordinado e pediulles que presenten as súas propostas concretas, coa fin de valoralas e incorporalas no deseño das modificacións que a Xunta está a impulsar para adecuar os servizos á demanda.

Explicou que o repunte de viaxeiros actual está a ser atendido habilitando vehículos de reforzo nos servizos das horas punta que concentran o aumento da ocupación e mesmo coa contratación de taxis nalgunha ocasión puntual, chegando a dispoñer ata 377 prazas diarias adicionais para garantir a atención de todos os usuarios.

Precisou que desde mediados de setembro, preto de 13.000 persoas viaxaron cada semana nas liñas que conectan A Coruña e Ferrol, que logo do incremento das medidas adoptadas, teñen unha capacidade de algo máis de 22.000 prazas á semana.

Sinalou que aínda que a demanda non recuperada como consecuencia da pandemia da COVID-19 é dun 25%, a cifra de usuarios mantense en ascenso e motivou unha revisión dos servizos das horas punta.

Ante estas circunstancias, indicou que a Xunta está a ultimar a definición dunha proposta de mellora para adecuar a oferta á demanda actual. As conclusións que se extraian da realización das enquisas e as achegas que trasladen os concellos da comarca de Ferrol incorporaranse ao estudo desta reestruturación dos servizos

Salientou a flexibilidade do Plan de Transporte Público para implantar os axustes necesarios. Neste sentido, lembrou as melloras postas en marcha na primavera, cando se ampliaron as frecuencias directas entre Ferrol e A Coruña.

Tamén recordou o acordo ao que chegou a Xunta a semana pasada coa dirección do IES de Fene, a ANPA e a empresa concesionaria para reforzar as liñas de transporte público que chegan ao centro de ensino coa ampliación da capacidade dos vehículos.

De igual modo que vén procedendo a Xunta, reclamou a Renfe a recuperación completa dos servizos ferroviarios entre Ferrol e A Coruña, posto que o operador só restituíu a metade dos que circulaban antes da pandemia.

No marco da aposta da Goberno autonómico polo transporte público, subliñou que 10.500 menores de 21 anos da área de Ferrol viaxan gratis nos autobuses da Xunta por toda Galicia coa tarxeta Xente Nova, que lles permite aforros anuais de ata 1.350 euros aos estudantes que se despracen a diario á Coruña.

De xeito máis detallado, Ferrol conta co maior número de usuarios da tarxeta, un total de 4.623, seguido de Narón e Fene, con 2862 e 835, respectivamente. En Ares emitíronse 447 tarxetas; en Pontedeume, 400; en Mugardos, 349; en Neda, 336; en Valdoviño, 302; en Cedeira, 211; e en Cabanas, 211.

A Xunta estendeu o 21 de maio a cobertura territorial da tarxeta Xente Nova a toda a comunidade. Así, a expedición deste dispositivo segue incrementándose en toda a comarca. Só na segunda quincena de setembro, tras o inicio do curso, bonificáronse máis de 22.600 viaxes ás mozas e mozos da área de Ferrol por importe duns 47.700 euros.

Imaxes relacionadas