Para avanzar nestes traballos faise necesario un corte do tráfico neste tramo desde hoxe e ata o venres día 29 ás 15,00 horas da tarde

A Xunta inicia a execución das obras de reforzo do firme na estrada autonómica LU-546, na travesía de Sarria

Esta actuación de mellora da seguridade viaria céntrase no tramo entre os puntos quilométricos 23+380 e 24+290

Para minimizar o impacto na circulación, os traballos executaranse en dúas fases, polo que os desvíos serán acordes cos tramos no que se actúa en cada momento

A travesía abrirase á circulación ao final de cada xornada de traballo para os servizos de mercadorías, autobuses, carga e descarga ou emerxencias, evitando o estacionamento de vehículos por outros motivos

A actuación forma parte do contrato de acondicionamento de tres vías autonómicas en Lugo que inclúe tamén a LU-636 e a LU-741, cun orzamento global de 1,7 M€

O departamento que dirixe Ethel Vázquez continúa traballando na conservación e no mantemento da rede viaria autonómica co fin de proporcionarlles unhas estradas máis seguras e cómodas aos usuarios

Santiago de Compostela, 25 de outubro de 2021

A Xunta iniciou hoxe a execución das obras de reforzo de firme na estrada autonómica LU-546, na travesía de Sarria.

Os traballos que se están a levar a cabo nesta vía, que comunica Nadela e Monforte de Lemos, céntranse no tramo que vai do punto quilométrico 23+380 ao 24+290, ao seu paso por Sarria.

As tarefas de rehabilitación do firme fan necesario o corte total da circulación desde hoxe a ata o seu remate, previsto para este venres día 29, ás 15,00 horas.

Para minimizar o impacto dos traballos no tráfico, as obras realizaranse en dúas fases, habilitándose os correspondentes desvíos para a circulación dos vehículos.

Na primeira fase, que abrangue desde hoxe a ata o mércores, o tráfico desvíase pola rúa José Antonio e pola rúa Nova. Na segunda fase das obras, entre o xoves e o venres, habilítase o desvío pola rúa Castelao.

Segundo o programa previsto na obra, a travesía de Sarria abrirase ao tráfico ao final de cada xornada de traballo para os servizos de mercadorías, autobuses e carga e descarga ou emerxencias, evitando en todo momento o estacionamento de vehículos por outros motivos.

En canto o detalle das tarefas en execución na travesía de Sarria, estas consisten no estendido dunha nova capa de rodadura, de xeito que se melloren as características superficiais, previo fresado da existente.

Actuacións na LU-636 e na LU-741

Esta actuación forma parte do contrato de acondicionamento de tres vías autonómicas en Lugo que inclúe tamén a LU-636 e a LU-741, ao seu paso polos concellos de Becerreá, de Lugo, do Corgo, de Sarria e da Pontenova, cun investimento conxunto de 1,7 millóns de euros.

As actuacións na estrada LU-636 están a levarse a cabo entre o punto quilométrico 22 e ata o 31+140, situado á entrada do núcleo de Becerreá. A intervención neste tramo de 9 quilómetros inclúe a reparación das partes deterioradas e a reposición do firme en toda a calzada con tratamento asfáltico e rego de selado. Nos últimos 4 quilómetros, ata acceder á localidade becerrense, aplícase mestura bituminosa en quente en todo o ancho do carril.

No caso das obras na LU-741 actuarase nos primeiros 500 metros e tamén se levará a cabo este fresado e reforzo do firme naqueles treitos onde sexa preciso.

O departamento que dirixe Ethel Vázquez continúa traballando na conservación e no mantemento da rede viaria autonómica co fin de proporcionarlles unhas estradas máis seguras e cómodas aos usuarios.

Imaxes relacionadas