O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, entregou esta mañá o distintivo ao complexo da Costa da Morte

A Xunta outorga o selo Galicia Calidade ao hotel Bela Fisterra por apostar pola xeotermia nas súas instalacións

O distintivo, que conta coa colaboración da Asociación Clúster da Xeotermia Galega (Acluxega), entregouse tamén á empresa Energanova, instaladora desta tecnoloxía no complexo turístico

Conde salienta que o obxectivo desta dobre certificación é distinguir ás iniciativas deste tipo de enerxía renovable realizadas por empresas galegas que cumpran os máis altos estándares de calidade, garantía, eficiencia e fiabilidade

Destaca que o uso da xeotermia vaille permitir ao hotel fisterrán aforros de máis de 5000 euros ao ano

O Goberno galego destina este ano 20M€ a promover o autoconsumo e o almacenamento enerxético entre o tecido empresarial, a través dunha convocatoria de axudas que xa ten aberto o prazo de solicitudes e que vai permitir ás empresas conseguir aforros anuais de 7M€

Fisterra (A Coruña), 25 de outubro de 2021

O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, acompañado da directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, entregou hoxe ao hotel Bela Fisterra o selo Galicia Calidade pola súa instalación de xeotermia, levada a cabo pola empresa Energanova. Un distintivo que, tal e como apuntou, pon de manifesto a aposta de Galicia por esta enerxía renovable, ao mesmo tempo que fixo referencia ao paralelismo existente entre sustentabilidade e calidade.

Conde salientou o feito de que apostar por infraestruturas enerxeticamente eficientes no sector turístico contribúe a crear ambientes confortables e trasladar unha sensación de benestar que inflúe na experiencia turística. De feito, destacou que o uso da xeotermia permitiralle ao Bela Fisterra un aforro de máis de 5000 euros ao ano.

Neste sentido, o vicepresidente económico indicou que o obxectivo desta dobre certificación é distinguir, en colaboración coa Asociación Clúster da Xeotermia Galega (Acluxega), ás instalacións enerxéticas deste tipo realizadas por empresas galegas –como neste caso Energanova– que cumpran os máis altos estándares de calidade, garantía, eficiencia e fiabilidade.

Así, esta certificación, posta en marcha no 2018, busca xerar confianza, seguridade e satisfacción sobre este tipo de enerxía, favorecendo o crecemento do sector. Na actualidade, Galicia ten instalados e en funcionamento 40MW térmicos.

“O noso papel como Administración ten que ser o de impulsar o desenvolvemento de toda a cadea de valor do sector da xeotermia ata chegar ao consumidor final; desde empresas e particulares ata edificios públicos”. E, con este obxectivo, recordou que desde 2009 a Xunta leva investido 4M€ en distintos proxectos que mobilizaron nove millóns de euros.

Así mesmo, fixo referencia aos 20M€ que destina este ano o Goberno galego para promover o autoconsumo e o almacenamento enerxético entre o tecido empresarial, a través dunha convocatoria de axudas que xa ten aberto o prazo de solicitudes e que vai permitir ás empresas conseguir aforros anuais de 7M€.

Imaxes relacionadas