Comezan as obras de demolición dos edificios da ETEA onde se emprazará o centro integral de atención ás persoas maiores de Vigo

Trátase de dous edificios actualmente en desuso: o cuartel de mariñeiría Méndez Núñez e o cuartel de alumnos José Luis Díaz

A demolición terá unha duración de dous meses e liberará unha parcela moi próxima ao mar para o seu uso por parte das persoas maiores

A Fundación Amancio Ortega investirá 15 millóns de euros na construción das futuras instalacións que contarán con 150 prazas públicas e permitirá a creación de 140 postos de traballo
 

Vigo, 25 de outubro de 2021

As obras de demolición comezaron hoxe nos antigos edificios da ETEA de Vigo onde se emprazará o futuro centro integral de atención a persoas maiores de Vigo que financiará e construirá a Fundación Amancio Ortega. A súa posta en marcha suporá un investimento de 15 millóns de euros, contarán con 150 prazas públicas e permitirá a creación de 140 postos de traballo.

En concreto, trátase de dous edificios: o cuartel de mariñeiría Méndez Núñez e o cuartel de alumnos José Luis Díaz. Estas instalacións levan tempo en desuso, tras o cesamento da actividade das instalacións militares, e foron construídas entre as décadas do 60 e 70 do século pasado. A súa demolición liberará unha parcela moi próxima ao mar para o seu uso por parte das persoas maiores.

A demolición destes dous edificios terá unha duración aproximada de dous meses. A Fundación Amancio Ortega impulsará a creación de residencias nas sete cidades de Galicia. O centro vigués emprazarase nun lugar privilexiado precisamente polo seu acceso ao mar e vistas á ría. Ademais, permitirá a dinamización desta zona actualmente sen actividade e das zonas da súa contorna.