A Xunta e a USC colaboran no impulso do almacenamento enerxético en Galicia co ánimo de contribuír á descarbonización e o aforro eléctrico

A Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación vén de asinar un convenio de colaboración coa Universidade de Santiago de Compostela para colaborar na análise, investigación e identificación de oportunidades de captación de fondos públicos e propostas de actuacións neste ámbito

Santiago de Compostela, 25 de outubro de 2021

A Xunta de Galicia, a través da Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación, asinou hoxe un convenio de colaboración coa Universidade de Santiago de Compostela (USC), co ánimo de colaborar na análise, investigación, participación, estudio, identificación de oportunidades de captación de fondos públicos e proposta de actuacións no ámbito do almacenamento enerxético.

Así, a directora xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais e máxima responsable do Instituto Enerxético de Galicia (Inega), Paula Uría, e o reitor da USC, Antonio López, rubricaron esta mañá o acordo co fin de garantir que a Administración pública galega, os axentes científico-tecnolóxicos e as empresas da Comunidade poidan dispor de información relevante e actualizada no eido do almacenamento enerxético, “factor de gran relevancia no actual proceso de transición enerxética e na descarbonización das nosas actividades”, tal e como apuntou Uría.

“Desde a Xunta estamos a traballar activamente para impulsar o uso das enerxías renovables e fomentar o autoconsumo, polo que valoramos a contribución da USC a esta iniciativa xa que o coñecemento e experiencia dos seus profesionais servirá para impulsar a mellora ambiental e a calidade de vida da sociedade”, manifestou.

Así mesmo, a directora do Inega recordou que o Goberno galego vén de abrir este mes unha liña de axudas destinadas a fomentar o uso do autoconsumo e almacenamento enerxético a partir de enerxías renovables, para as que contará cun orzamento de 19,8 M€. Dirixida a empresas, esta convocatoria permitiralles aforrar ao redor de 7M€ ao ano nas súas facturas eléctricas.

Imaxes relacionadas