A Xunta aposta polo emprendemento como vía para a creación de emprego e a mellora da competitividade do tecido empresarial galego

O director do Igape, Fernando Guldrís, mantén un encontro con representantes de AJE Galicia no que avoga pola colaboración entre administracións e axentes socioeconómicos para fomentar a vocación empresarial e os proxectos innovadores

Salienta as distintas iniciativas que o Goberno galego vén promovendo no ecosistema emprendedor da Comunidade, entre as que destaca o programa Galicia Emprende, que favorece a xeración de emprego de calidade a través da creación de empresas e da consolidación de compañías novas

Santiago de Compostela, 24 de outubro de 2021

O director do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), Fernando Guldrís, vén de manter un encontro cos representantes de AJE Galicia no que salientou a importancia do emprendemento de cara á creación de emprego e á mellora competitiva do tecido empresarial galego. Un escenario no que destacou a aposta da Xunta de Galicia polo emprendemento, e o propio esforzo dos emprendedores e emprendedoras galegas, como base para afianzar ese impulso competitivo.

Guldrís sinalou que as asociacións de mozos emprendedores da Comunidade constatan o dinamismo do ecosistema emprendedor galego, e animounos a continuar o traballo conxunto das iniciativas que están a promover, nas que Administracións e axentes socioeconómicos colaboran para fomentar o talento e a vocación empresarial, contribuíndo á posta en marcha e consolidación de novas empresas e proxectos innovadores.

Neste sentido, o director do Igape puxo en valor as distintas iniciativas que o Goberno galego vén promovendo no ecosistema emprendedor da Comunidade, entre as que destacou o programa Galicia Emprende, que favorece a xeración de emprego de calidade a través da creación de empresas e da consolidación de compañías novas por parte de autónomos e emprendedores.

Unha liña que se complementa co Galicia Rural Emprende, deseñado para promover a diversificación e creación de novas empresas non agrícolas sobre o territorio. Neste escenario, os representantes de AJE Galicia trasladáronlle ao director de Igape o traballo que están a desenvolver nun proxecto de actividades no rural, aportando posibles vías de colaboración futuras.

Ademais, a Xunta, a través da Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación, tamén ten en marcha unha rede de aceleradoras verticais business factories nos eidos da automoción (BFAuto), a alimentación (BFFood) e a aeronáutica (BFAero).

Imaxes relacionadas