A Xunta recibe 10 ofertas para a urbanización da 1ª fase do Plan director do complexo hospitalario de Ferrol, que suporá un investimento de preto de 910.000 euros

As obras, que se prevén iniciar no primeiro trimestre do vindeiro ano, teñen por obxectivo dotar de acceso viario o exterior da planta soto -2, proxectada na reforma deste complexo hospitalario universitario

Executarase un novo acceso coa creación dunha vía de servizo e a reordenación do tramo a través da substitución do aparcadoiro actual por aparcamentos en liña

A Xunta seguirá traballando no reforzo e renovación das infraestruturas hospitalarias de Galicia, reservando nos Orzamentos de 2022 máis de 14,5 M€ para a continuación das obras de ampliación e reforma do Hospital Público de Ferrol
 

Santiago de Compostela, 24 de outubro de 2021

A Xunta recibe 10 ofertas para executar as obras de urbanización da primeira fase do Plan Director do Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol, que suporán un investimento de preto de 910.000 euros.

As obras prevén iniciarse no primeiro trimestre do vindeiro ano e teñen como finalidade dotar de acceso viario o exterior da planta soto -2, proxectada na reforma do Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol. Este novo andar das instalacións sanitarias estará destinado a prestar servizos auxiliares do hospital, como lavandería ou restauración.
O desenvolvemento da execución do acceso debe de ser compatible coa circulación actual, que se dirixe en ambos os sentidos ao longo da vía existente, non podendo modificar o ancho da sección tipo e mantendo as beirarrúas, que serven de itinerario accesible.

Para isto, acometerase un novo acceso coa creación dunha vía de servizo e a reordenación do tramo a través da substitución do aparcadoiro actual por aparcamentos en liña.

A nova vía de servizo, dada a cota de implantación do soto -2, suporá a modificación da cota de rasante actual da vía esquerda.

Os traballos consistirán en realizar un desmonte ao lado esquerdo para adaptar a rasante do viario de servizo, xerando un muro de contención para a vía principal que manterá a cota de rasante actual permitindo a circulación nas mesmas condicións que na actualidade.

Ademais será preciso repoñer servizos urbanos como o alumeado, a telefonía, o abastecemento, o saneamento, a liña eléctrica de media tensión e a condución de gas.

A Xunta seguirá traballando pola sanidade pública e no reforzo e renovación das infraestruturas hospitalarias de Galicia, reservando nos Orzamentos de 2022 máis de 14,5 M€ para a continuación das obras de ampliación e reforma do Hospital Público de Ferrol, ou unha partida de 1 M€ para continuar coa mellora do firme e da accesibilidade nos centros hospitalarios da provincia.