A Xunta mantén a súa aposta polos servizos públicos compartidos e destinará o vindeiro ano 1,5 M€ ao fondo adicional de fusión de concellos

O vicepresidente primeiro, Alfonso Rueda, asistiu á inauguración do centro sociocultural de Tenorio, en Cerdedo-Cotobade, que se beneficiou de máis de 618.000 euros do fondo adicional para fusións de concellos do Fondo de Cooperación Local

Cerdedo-Cotobade (Pontevedra), 23 de outubro de 2021

A Xunta aposta polos servizos públicos compartidos e destinará o vindeiro ano 1,5 millóns de euros ao fondo adicional de fusión de concellos do Fondo de Cooperación Local, unha partida da que se beneficiará o concello de Cerdedo-Cotobade, fusionado no ano 2017, e o de Oza-Cesuras, fusionado no ano 2013.
Con esta consignación, que figura no anteproxecto dos Orzamentos 2022 da Xunta, o Goberno galego ratifica a súa aposta pola xestión compartida de servizos na que Galicia foi pioneira e que está a ser imitada por outras comunidades autónomas, o que, segundo o vicepresidente primeiro, Alfonso Rueda, confirma que “Galicia vai polo bo camiño”.
Alfonso Rueda salientou as vantaxes do modelo na inauguración do centro sociocultural da parroquia de Tenorio, en Cerdedo-Cotobade, que se beneficiou de máis de 618.000 euros do reparto do fondo adicional para fusións de concellos do Fondo de Cooperación Local que xestiona a Dirección Xeral de Administración Local, dependente da Vicepresidencia Primeira da Xunta de Galicia.
O obxectivo do fondo adicional para fusións de concellos é mellorar as condicións de vida da súa veciñanza e, ao mesmo tempo, reducir os custos na prestación de servizos. Estas achegas teñen un carácter non finalista e poderán ser aplicadas polos concellos para a financiación de gastos de natureza produtiva ou xeradora de emprego, para obras ou servizos, gastos de persoal, gastos correntes en bens e servizos, amortización de débeda ou calquera outro gasto ou investimento acorde coas competencias municipais.
Cerdedo-Cotobade recibiu máis de 4 millóns de euros desta partida nos últimos catro anos, logo de que no ano 2017 se acordara a fusión de Cerdedo e de Cotobade nun só municipio, o que permitiu non só mellorar os servizos e aforrar custos na súa xestión, senón tamén obter fondos complementarios para mellorar a calidade de vida dos veciños.
A Xunta de Galicia seguirá a apoiar a todos aqueles concellos galegos que opten por compartir servizos e, de feito, nas convocatorias de axudas prima os proxectos mancomunados. Ademais, o Goberno galego vai realizar un estudo sobre os procesos de fusión para facer balance de resultados das iniciativas postas en marcha tanto en Cerdedo-Cotobade como en Oza-Cesuras.

Imaxes relacionadas