A Xunta publica o Proxecto de decreto que establece o procedemento para acreditación de centros sanitarios

Na normativa tamén se crea e regula a Comisión de Acreditación de centros sanitarios de Galicia

Fíxase un prazo de 15 días hábiles para achega de suxestións, que remata o 11 de novembro

Este novo decreto, que consta de 22 artigos, servirá para completar e actualizar a actual normativa ao respecto, aprobada hai máis de 20 anos

A acreditación configúrase, en definitiva, como un instrumento eficaz para promover a mellora continua da calidade nunha organización sanitaria
 

Santiago de Compostela, 23 de outubro de 2021

A Consellería de Sanidade vén de publicar, no Portal de Transparencia e Goberno Aberto da Xunta de Galicia, o Proxecto de decreto polo que se establece o procedemento para a acreditación de centros sanitarios e se crea e regula a Comisión de Acreditación de Centros Sanitarios na Comunidade Autónoma de Galicia, fixándose un prazo de 15 días hábiles para achega de suxestións, que remata o 11 de novembro. Poderán ser acreditados polo procedemento establecido neste decreto, os centros sanitarios, de carácter público ou privado, pertencentes ao sistema de saúde de Galicia.
A Xunta de Galicia ten regulada neste momento, a acreditación dos centros hospitalarios, pero os cambios organizativos e os avances existentes na consideración e cuantificación da calidade das prestacións sanitarias, fan necesaria a aprobación dunha nova norma regulamentaria. Así, a través deste anteproxecto que estase a tramitar, actualízase a acreditación dos centros sanitarios públicos e privados.
No texto do anteproxecto regúlase, así mesmo, a comisión autonómica de acreditación de centros sanitarios, como un órgano colexiado ao que se lle atribúen funcións de asesoramento e de emisión de informes sobre os procedementos de acreditación.
A comisión estará presidida pola persoa titular do órgano directivo da Inspección de Servizos Sanitarios. Tamén contará con tres vogais de perfil técnico sanitario adscritos á Administración sanitaria galega e dous vogais pertencentes ao centro directivo do Sergas con competencias en materia de asistencia sanitaria. Esta comisión proporá os estándares e indicadores de calidade de centros sanitarios, así como a revisión e modificación dos mesmos.
Sinalar que correspóndelle á administración sanitaria a promoción e o incremento da calidade da asistencia sanitaria prestada polos centros sanitarios, tanto no ámbito público como no privado, estimulando a excelencia na prestación destes servizos. A acreditación configúrase, en definitiva, como un instrumento eficaz para promover a mellora continua da calidade nunha organización sanitaria.

Áreas a avaliar

O procedemento para a acreditación de centros sanitarios contempla as seguintes áreas a avaliar: dirección e organización; xestión e formación do persoal; calidade, xestión e mellora continua; dereitos e deberes do paciente; asistencia ao paciente; continuidade da atención; seguridade do paciente; xestión da información e documentación clínica; procesos de soporte á asistencia; e procesos de apoio loxístico e seguridade das instalacións.
Establécese un sistema de acreditación baseado no cumprimento dos indicadores o que supón que os centros poden acadar a dita acreditación en grao básico (cumprimento entre o 55% e 75% dos indicadores) ou en grao superior (centros que superen o 75%).
O procedemento de acreditación dun centro sanitario iniciarase mediante a solicitude presentada pola persoa titular do centro ou por quen a represente legalmente, presentándose as solicitudes por medios electrónicos. Para poder solicitar o inicio do procedemento de acreditación, os centros sanitarios deberán dispor da autorización de funcionamento e estar inscritos no Rexistro de Centros, Servizos e Establecementos sanitarios da Consellería de Sanidade.
Este novo decreto, que consta de 22 artigos, servirá para completar e actualizar a actual normativa ao respecto, aprobada hai máis de 20 anos.
Sinalar que os centros sanitarios acreditados deberán colocar nun lugar visible ao público o certificado de acreditación que lle será facilitado pola Consellería de Sanidade. Os centros sanitarios que no momento de entrada en vigor deste decreto dispoñan de acreditación, poderán manter a mesma ata que finalice o seu prazo de vixencia.
Quedan excluídos do ámbito de aplicación deste decreto por ter normativa específica en materia de acreditación, as oficinas de farmacia, boticas anexas e os establecementos dedicados á distribución, elaboración, importación ou fabricación de medicamentos e produtos sanitarios; os servizos ou unidades técnicas de protección radiolóxica; as consultas médicas e doutros profesionais sanitarios; os servizos de prevención de riscos laborais; os centros sanitarios dedicados á práctica de actividades de extracción e transplante de órganos e tecidos; e os centros de interrupción voluntaria do embarazo.
Neste contexto subliñar que a Lei 8/2008, de 10 de xullo, de Saúde de Galicia, no artigo 74.6, establece que as actividades sanitarias e asistenciais que o Sistema Público de Saúde de Galicia concerte co sector privado terán que axustarse aos mesmos parámetros, estándares, dereitos ou criterios de actuación esixibles para os centros do propio Sistema Público de Saúde de Galicia; en consonancia co establecido no artigo 12.14 cando establece que as persoas usuarias teñen dereito a que os servizos e as actividades sanitarias ou asistenciais que o Sistema Público de Saúde de Galicia contrate co sector privado de asistencia sanitaria, deben axustarse aos mesmos parámetros, estándares, dereitos ou criterios de actuación esixibles para os centros propios da rede pública de Galicia.