A conselleira do Mar participou no acto de inauguración das XI Xornadas de construción naval en madeira 'Un mar de madeira proxectando o futuro'

A Xunta enxalza as vantaxes da construción naval en madeira como unha opción respectuosa co medio ambiente e totalmente sustentable

A titular de Mar salienta que as carpinterías de ribeira producen barcos cunha mínima pegada de carbono e co 100% dos materiais reciclables, o que os converte nunha boa opción para actividades do sector profesional como a industria auxiliar de acuicultura ou a pesca artesanal

Rosa Quintana agradece o labor da Asociación Galega de Carpintería de Ribeira para dignificar o oficio e velar pola preservación dunhas técnicas construtivas que forman parte da tradición cultural de Galicia

O Executivo galego lembra que está a traballar na elaboración do Plan da cultura marítima de Galicia-Horizonte 2030 no marco dun convenio de colaboración coa Universidade da Coruña e a súa fundación co obxectivo de catalogar o patrimonio marítimo-pesqueiro existente en Galicia e adoptar as medidas oportunas para a súa protección

Outes (A Coruña), 23 de outubro de 2021

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, puxo hoxe en valor a construción naval en madeira como un exemplo de sustentabilidade e respecto ao medio ambiente pois trátase dunha actividade que permite a produción de barcos cunha mínima pegada de carbono e na que o 100% dos materiais empregados son reciclables. Por iso, salientou a importancia de apostar por este tipo de embarcacións para actividades do sector profesional como poden ser a industria auxiliar da acuicultura ou a pesca artesanal.

Así o destacou durante o acto de inauguración das XI Xornadas de construción naval en madeira Un mar de madeira proxectando o futuro, no que lembrou que Galicia é a rexión de Europa con maior densidade de carpinterías de ribeira en activo e máis variedade de embarcacións construídas con este material.

Por iso, a representante da Xunta agradeceu o labor da Asociación Galega de Carpintería de Ribeira (Agalcari) para dignificar o oficio e velar pola preservación dunhas técnicas construtivas que forman parte da tradición cultural de Galicia. “É por iso que os estaleiros galegos son máis que lugares nos que se botan barcos ao mar, son espazos didácticos nos que se realizan visitas guiadas que permiten descubrir a importancia da tradición pesqueira”, subliñou a titular de Mar.

Rosa Quintana lembrou tamén os retos aos que se enfronta o sector, como a remuda xeracional e a necesidade de formación para adaptarse ás novas tecnoloxías e materiais innovadores, e subliñou que o Executivo galego está comprometido desde hai máis dunha década coa protección desta actividade e coa transmisión do oficio e a conservación dun saber centenario. Con este obxectivo, a Xunta apoiou desde 2008 a Agalcari con máis de 250.000 euros a través de diferentes convenios -nos que se enmarcan estas xornadas- para impulsar actuacións no eido da promoción patrimonial, a competitividade empresarial e a organización de actividades de divulgación.

A conselleira do Mar tamén expuxo que o compromiso de Galicia con esta actividade -declarada ben de interese cultural do patrimonio inmaterial- queda patente co Plan da cultura marítima de Galicia-Horizonte 2030 que o Goberno galego está a impulsar a través dun convenio de colaboración coa Universidade da Coruña e a súa fundación co obxectivo de catalogar o patrimonio marítimo-pesqueiro existente en Galicia e adoptar as medidas necesarias para a súa protección.

Nas xornadas promovidas por Agalcari tamén participou o director xeral de Comercio e Consumo, Manuel Heredia, que salientou o valor da carpintería de ribeira como un oficio artesanal con fonda tradición en Galicia. Neste sentido, manifestou que se trata dun “piar fundamental” do patrimonio marítimo galego así como unha actividade económica cun amplo potencial comercial que merece o apoio das administracións públicas.

Durante a súa intervención na clausura destas xornadas, Heredia tamén destacou as grandes vantaxes deste oficio ao empregar material autóctono, renovable, reutilizable, biodegradable e de baixo custo enerxético, cun escaso impacto ambiental, e que dá como resultado embarcacións de alta calidade e con excelente navegabilidade. “Galicia é unha das últimas rexións europeas nas que o oficio da carpintería de ribeira segue a ser unha realidade como actividade económica, que se atopa na actualidade nun momento de adaptación aos novos retos e necesidades do mercado, apostando por un oficio competitivo e innovador”, asegurou.

Agalcari

A promotora das XI Xornadas de construción naval en madeira é a Asociación Galega de Carpintería de Ribeira, unha entidade fundada en 2007 que aglutina a case o 100% das carpinterías de ribeira activas en Galicia. Trátase dun total de 20 entidades entre empresas e obradoiros que constrúen a maioría das embarcacións profesionais matriculadas en Galicia e que dan emprego a unhas 100 persoas de xeito directo e outras 500 de forma indirecta.

A XI edición deste encontro sobre a carpintería de ribeira celebrouse tralo parón obrigado en 2020 pola alerta sanitaria do coronavirus e nel distintos expertos na materia abordaron, entre outros, asuntos como as novas tecnoloxías aplicadas á construción naval en madeira, a economía circular, a competitividade do sector e o respecto ao medio ambiente.

Imaxes relacionadas