A Xunta comparte cunha delegación do País Vasco os seus avances na posta en valor e recuperación da terra agraria de Galicia

Nun encontro coa directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, analizaron a Lei de recuperación da terra e os instrumentos que recolle, como os polígonos agroforestais, as aldeas modelo ou as agrupacións de xestión conxunta

Mentres, con técnicos da Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal trataron cuestións como o Inventario forestal continuo no marco do Plan Forestal ou a suspensión temporal das novas plantacións de eucalipto onde antes non os había

Santiago de Compostela, 23 de outubro de 2021

A directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Inés Santé, así como técnicos desta Axencia e da Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal recibiron esta semana varios representantes das deputacións forais de Biscaia e Guipúscoa. En concreto, mantiveron con eles senllos encontros ante o seu interese por coñecer os avances na implementación da Lei de recuperación da terra agraria ou no marco do Plan Forestal de Galicia.
No que se refire ás actuacións promovidas pola Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, a delegación do País Vasco puido comprobar de primeira man -acompañada por técnicos da propia Axencia- como se levou a cabo un proxecto de mobilización de terras no concello lucense de Sober, concretamente na parroquia de Santa María de Proendos. Un proxecto que permitiu recuperar 23,4 hectáreas para ser aproveitadas por unha explotación de vacún e outra de cereal e horta.
Xa en Santiago, a directora xeral Inés Santé mantivo un encontro cos representantes vascos para abordar as particularidades da Lei de recuperación da terra agraria de Galicia que entrou en vigor o pasado mes de maio. Deste xeito, explicóuselles o funcionamento de figuras de posta en valor como os polígonos agroforestais -incluídos os polígonos cortalume-, as aldeas modelo ou as agrupacións de xestión conxunta.
Nesa liña, na reunión tamén se tratou o papel do Banco de terras como intermediario entre os propietarios dos terreos en estado de abandono ou infrautilización e os interesados en aproveitalos para xerar actividade económica. Unha actividade que, recalcou Inés Santé, non só contribúe a fixar poboación no rural senón tamén a avanzar na anticipación aos incendios forestais.

Xestión e ordenación forestal

Posteriormente, a delegación vasca mantivo unha xuntanza con técnicos da Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal, cos que trataron medidas contempladas no Plan Forestal de Galicia como o Inventario forestal continuo -que se atopa en plena elaboración- ou o fomento da figura do silvicultor activo. Así mesmo, abordaron especificamente a ferramenta das agrupacións forestais de xestión conxunta e a suspensión temporal de novas plantacións de eucalipto onde antes non os había, ambas incluídas na Lei de recuperación.
Neste encontro relacionado co eido forestal, os representantes das administracións galega e vasca tamén aludiron ás tendencias da cadea monte industria e ás axudas públicas á xestión profesionalizada e á xestión forestal sustentable, así como á estratexia de dixitalizacion e descarbonización ou ao proxecto de xestión forestal BASOTIK, entre outros asuntos.
Cabe engadir que a delegación desprazada á nosa comunidade estaba composta, por parte da Deputación Foral de Biscaia, pola directora xeral de Agricultura, Arantzau Atutxa, polo subdirector de Xestión de Espazos Naturais e Servizos Xerais, Roberto Cañón, e polo asesor xeral do Departamento de Sustentabilidade e Medio Natural, Fernando Azurmendi. Desde a Deputación Foral de Guipúscoa, viñeron a directora xeral de Montes e Medio Natural, Arantxa Ariztimuño, e o director xeral de Agricultura e Equilibrio Territorial, Xabier Arruti. Por último, desprazouse Alvaro Quintanilla, membro da consultora B+I e elaborador do proxecto de xestión forestal BASOTIK.

Imaxes relacionadas