Vilamarín convértese no primeiro concello galego en asumir o compromiso de neutralidade climática en 2050

Acaba de adherirse ao Pacto das Alcaldías polo Clima e a Enerxía, o que implica aceptar os novos obxectivos fixados en xullo pola Unión Europea na materia

Este fito acontece en vésperas do Día fronte ao Cambio Climático, que se conmemora mañá en todo o mundo

Santiago de Compostela, 23 de outubro de 2021

O concello ourensán de Vilamarín acaba de adherirse ao Pacto das Alcaldías polo Clima e a Enerxía, converténdose deste xeito no primeiro de Galicia e no sétimo en toda España en asumir como propios os novos obxectivos da UE na materia anunciados no mes de xullo e que implican, entre outros, a consecución da neutralidade climática no ano 2050.

Con esta nova adhesión —en vésperas do Día Mundial contra o Cambio Climático, que se conmemora este domingo 24 de outubro— son xa 273 os municipios galegos que forman parte do Pacto, unha iniciativa impulsada pola Comisión Europea en 2008 e que se converteu no maior movemento internacional para buscar sinerxías entre as distintas administracións ante o cambio climático, cunha mención especial ao labor dos concellos pola relación directa que teñen cos cidadáns.

O Goberno galego traballa como coordinador deste movemento na comunidade desde 2017, coa convicción de que os retos climáticos globais deben afrontarse desde as vilas e as cidades de xeito unido e partindo da premisa “pensar global, actuar local”. Baixo a súa coordinación o Pacto recibiu un pulo importante en Galicia, xa que o 91,6% das adhesións —un total de 250 concellos— se produciron nos últimos cinco anos.

Tendo en conta as diferentes etapas de transición nas que se atopan os estados e rexións membros, e que cada un deles conta con diferentes recursos propios para dar resposta ás ambicións establecidas no acordo de París, o Pacto das Alcaldías establece que os obxectivos de redución de emisións a acadar no horizonte de 2030 e 2050 deberán ser, canto menos, tan ambiciosos como os obxectivos nacionais.

Neste sentido, cómpre lembrar que o chamado Obxectivo 55 —un novo paquete de medidas publicado pola Comisión Europea o pasado 14 de xullo— inclúe toda unha serie de propostas lexislativas en materia de clima, enerxía e transporte co fin de traducir en accións o obxectivo asumido pola UE de reducir as emisións nun 55% de aquí a 2030 e lograr emisións netas 0 no horizonte do ano 2050.

Como concello asinante do Pacto das Alcaldías, Vilamarín deberá facer propios estes obxectivos por medio da adaptación de medidas de eficiencia enerxética e dun maior uso de fontes de enerxía renovables.

Ao mesmo tempo, tamén terá que traballar na implantación de medidas de adaptación ao cambio climático e no aumento da resiliencia fronte a este, así como no reforzo da cooperación coas autoridades locais e rexionais na UE e fóra dela, para mellorar o acceso á enerxía segura, sostible e alcanzable.

Compromiso da Xunta coa loita contra o cambio climático

A aposta da Xunta pola loita contra o cambio climático plasmouse hai anos na creación dun departamento específico para canalizar todo o traballo relacionado con este fenómeno —a actual Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático— e incorporándoo ás súas políticas de forma transversal.

De feito, nos orzamentos da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda do ano que vén este departamento disporá dun total de 60,3 millóns de euros, o que supón un 12% máis que o ano anterior.

Un dos eixos principais nos que se centrarán os investimentos desta Dirección Xeral o próximo ano será a Estratexia galega de biorresiduos e residuos municipais 2022-2023 —na que tamén participa Sogama— presentada esta semana ante o Consello da Xunta e cun investimento previsto de máis de 60 millóns de euros durante os seus dous anos de vixencia.