A Xunta adxudica a redacción do proxecto construtivo para a renovación do saneamento no núcleo de Enxames, en Vilardevós

Os traballos, que suporán un investimento autonómico de máis de 17.000 euros, contan cun prazo de execución de 6 meses

Aténdese así a solicitude do Concello de estudar unha solución aos problemas actuais da rede de saneamento municipal deste núcleo de poboación
 

Santiago de Compostela, 23 de outubro de 2021

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través de Augas de Galicia, adxudicou a redacción do proxecto construtivo para a renovación do saneamento no núcleo de Enxames, no concello de Vilardevós.

Este contrato, cun investimento autonómico de máis de 17.000 euros, foi adxudicado á empresa Consultoría Inrupre, S.L. O prazo de execución para a redacción do proxecto é de 6 meses.

O contrato dá resposta á solicitude realizada polo Concello de Vilardevós ao departamento que preside Ethel Vázquez para a elaboración dun proxecto construtivo no que se recolla unha solución aos problemas actuais que ten a rede de saneamento municipal neste núcleo de poboación.

Deste xeito, mediante este contrato, o proxecto construtivo deberá recoller os pozos de rexistro que se precisen nos distintos ramais, así como unificar os vertidos nos lugares axeitados. Tamén se considera axeitado incluír a reposición dos servicios afectados e os pavimentos das vías afectadas polas obras.

Para a definición a nivel construtivo das actuacións necesarias para a mellora da rede de saneamento municipal, estudaranse as distintas alternativas para proceder, a continuación, á redacción do anteproxecto, que inclúe os documentos para levar a cabo as tramitacións ambientais, as consultas a outras administracións e, no caso de seren precisas, as expropiacións.

Finalmente, redactarase o proxecto construtivo, que incluirá todo o detalle da información incluída nos traballos, a través da memoria, planos, pregos e orzamento, que será a necesaria para poder licitar as obras.