A Xunta executa novos traballos de reforzo da seguridade viaria na estrada LU-633 en Triacastela, no treito coincidente co Camiño Francés

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade está a levar a cabo melloras no cruzamento da ruta xacobea coa vía autonómica, no punto quilométrico 27+580

Executarase unha senda nese treito, cunha barreira de seguridade, e reforzarase a sinalización horizontal no cruce da vía para a mellor identificación do Camiño

Os traballos súmanse aos realizados desde o pasado mes de xullo en distintos tramos desta e doutras estradas autonómicas para favorecer o tránsito seguro dos peregrinos

 

Santiago de Compostela, 23 de outubro de 2021.- A Xunta iniciou esta semana novos traballos de reforzo da seguridade viaria na estrada autonómica LU-633 ao seu paso polo concello lucense de Triacastela, no treito coincidente co Camiño Francés, co fin de favorecer o tránsito seguro dos peregrinos.

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade comezou esta semana os traballos de acondicionamento no cruzamento da ruta xacobea coa vía autonómica, no punto quilométrico 27+580.

Os traballos en execución céntranse na construción dunha senda nese treito, protexida cunha barreira de seguridade e o reforzo da sinalización horizontal no cruzamento, para identificar este treito do Camiño Francés.

Estas obras súmanse ás intervencións que se están a desenvolver desde o pasado mes de xullo nas vías autonómicas coincidentes coas distintas rutas do Camiño de Santiago, co obxectivo último de protexer os peregrinos, que son usuarios vulnerables das estradas.
Intervencións en 16 municipios
Na provincia de Lugo inclúense actuacións en 16 municipios dos Camiños Francés, de Inverno, Norte e Primitivo. En concreto, no Francés execútanse traballos na propia LU-633, LU-637 e LU-613 ao seu paso por Pedrafita, Triacastela, Samos, Sarria e Portomarín, onde se realizarán en total 13 actuacións.
No Camiño Primitivo fixáronse 14 actuacións para incrementar a seguridade na confluencia coas estradas LU-701, LU-740, LU-530, LU-232 e LU-231 na Fonsagrada, Baleira, Castroverde, Lugo e Palas de Rei.

No Camiño de Inverno programáronse actuacións nun total de seis puntos da LU-933, LU-652 e LU-213 en Quiroga, A Pobra do Brollón e Chantada. Tamén se recollen melloras na traza do Camiño Norte que coincide coas estradas LU-133 e LU-132 ao seu paso polos concellos de Ribadeo, Trabada e Lourenzá.
Estes traballos están incluídos nas 70 actuacións que a Xunta executará este ano nas vías autonómicas de toda Galicia para reforzar a seguridade nas confluencias cos Camiños de Santiago, que suporán un investimento conxunto de 1,4 millóns de euros.
O Goberno galego, mediante estas actuacións, traballa para favorecer a mobilidade, a comodidade e a experiencia dos peregrinos para atender a maior afluencia que se espera no ano 2022, cando o Xacobeo se prevé máis intenso.