A conselleira de Política Social, Fabiola García, e o presidente da Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp), Alberto Varela, asinaron hoxe o acordo

A Xunta blinda o financiamento do Servizo de Axuda no Fogar ata 2024, cun incremento acumulado de 70 millóns de euros

A achega autonómica subirá un 24% ao longo desta lexislatura, ao pasar dos 9,7 euros/hora actuais aos 12 euros/hora que se acadarán en 2024

A medida aplicarase con efectos retroactivos desde o día 1 de xaneiro deste ano

O obxectivo é dar maior seguridade económica aos concellos e tamén máis calidade aos coidados profesionais a domicilio, que reciben na actualidade 24.000 galegas e galegos

Porase á disposición das entidades locais un prego tipo co fin de homoxeneizar as condicións do servizo e que estes teñan unha base común sobre o que licitalo

Santiago de Compostela, 22 de outubro de 2021

A conselleira de Política Social, Fabiola García, e o presidente da Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp), Alberto Varela, asinaron hoxe un acordo que blinda o financiamento do Servizo de Axuda no Fogar (SAF) para toda a lexislatura, cun aumento progresivo do 24% que se acadará no ano 2024 e que suporá un incremento acumulado da achega autonómica de 70 millóns de euros. Fabiola García sinalou que con esta medida “damos un paso moi importante e histórico” na mellora deste servizo.

A conselleira destacou que con este novo escenario, a achega autonómica ao SAF pasará dos 9,7 euros/hora actuais aos 12 euros/hora en 2024. Así, este ano e o vindeiro a Xunta sufragará 11 euros/hora; no 2023, incrementarase ata os 11,5 euros/hora; e no 2024 xa se acadarán os 12 euros/hora. O obxectivo é dar maior seguridade económica aos concellos e tamén máis calidade aos coidados profesionais a domicilio, que na actualidade reciben máis de 24.000 galegas e galegos

Ademais de mellorar o financiamento do servizo, o acordo subscrito incide no seu desenvolvemento. A Xunta porá á disposición dos concellos, a través da Fegamp, un prego tipo para que teñan unha base común sobre a que licitar esta prestación. O obxectivo é estandarizar, na medida do posible, os servizos que se prestan e as condicións nas que se fai.

Orzamentos 2022

Galicia é unha das comunidades líderes en coidados profesionais a domicilio en canto a número de beneficiarios, e nos orzamentos para 2022 dáselle un novo pulo, xa que se destinan 101 millóns de euros a esta finalidade, 18 máis que nas contas deste ano.

Unha cifra récord para seguir a avanzar no reto de que cada persoa poida facerse maior e recibir a atención que necesita onde desexe: sexa na súa casa, nunha residencia ou nunha casa do maior.

Imaxes relacionadas