A Xunta avoga por sumar a sostibilidade á dixitalización de cara a mellorar a competitividade do sector agroalimentario

Guldrís salienta a aposta do Goberno galego nos orzamentos do próximo ano por implantar a economía circular nas empresas e apoiar unha loxística avanzada e sostible

A Administración autonómica axudou no último ano a 220 proxectos de dixitalización de pemes galegas, concedeu ata 2400 cheques dixitais para a adaptación tecnolóxica de autónomos e empresas á situación xerada pola pandemia, e promoveu 155 plans de internacionalización dixital en 90 países
 

Vigo, 21 de outubro de 2021.- O director do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), Fernando Guldrís, participou hoxe na apertura da xornada A dixitalización e a Industria 4.0 na transformación da industria alimentaria, onde salientou a importancia de incorporar a sostibilidade á dixitalización de cara á mellora competitiva do sector.

Neste sentido, Guldrís destacou que os orzamentos da Xunta de Galicia para o próximo ano incidirán na promoción da economía circular nas empresas e no apoio á loxística avanzada e sostible. “A sostibilidade integral é hoxe un requisito para as empresas de todos os sectores e, no agroalimentario, o foco non só está posto no ámbito social, senón tamén no económico e na mellora continua, sendo a dixitalización imprescindible para acadalo”, indicou.

Así, o director do Igape puxo en valor os distintos programas e liñas de actuación que está a desenvolver o Goberno galego neste eido. Entre eles, fixo referencia aos 220 proxectos de dixitalización de pequenas e medianas empresas galegas impulsados pola Xunta durante o pasado ano; a concesión nese mesmo período de ata 2400 cheques dixitais para a adaptación tecnolóxica de autónomos e empresas á situación xerada pola pandemia; ou a promoción de 155 plans de internacionalización dixital en 90 países no marco do Galicia Exporta Dixital.

Neste escenario, Fernando Guldrís salientou tamén a oportunidade que ofrecen os fondos europeos Next Generation para promover a dixitalización das pemes galegas.
Así, lembrou que o Goberno galego está a traballar xunto co sector para impulsar proxectos que teñan impacto en toda a cadea agroalimentaria a través da dixitalización de procesos e da incorporación de coñecemento e innovación.

“Cómpre recordar que o futuro proxecto estratéxico para a recuperación e transformación económica (Perte) da cadea agroalimentaria intelixente e sostible centrarase en tres procesos transversais: sustentabilidade e competitividade; trazabilidade e seguridade alimentaria; e desenvolvemento de novas tecnoloxías, servizos e produtos que permitan aumentar a capacidade de exportación, non só de produtos agroalimentarios, senón tamén de tecnoloxías e servizos dixitais”, concluíu Guldrís durante a súa intervención.
 

Imaxes relacionadas