O CGAC acolle a mostra de Clara Carvajal 'Por unha bioloxía da imaxe', que afonda na dimensión plástica e escultórica da fotografía

O secretario xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, presentou hoxe a exposición, acompañado pola artista madrileña, a comisaria, Zara Fernández de Moya, e o director do Centro Galego de Arte Contemporánea, Santiago Olmo

Estará aberta ao público ata xaneiro de 2022, con visitas guiadas todos os domingos ás 12,00 horas

Santiago de Compostela, 22 de outubro de 2021

O Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC) acolle a mostra Clara Carvajal. Por unha bioloxía da imaxe, na que se poden contemplar dúas series sucesivas desta artista madrileña, Dioses de la frontera e Argucia, coas que indaga na dimensión plástica e escultórica da fotografía. O secretario xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, presentou hoxe a exposición, acompañado por Carvajal, a comisaria, Zara Fernández de Moya, e o director do CGAC, Santiago Olmo.

Segundo explicou o representante da Consellería de Cultura, Educación e Universidade, a mostra recolle “a primeira achega da artista á bioloxía da imaxe, un concepto novo co que Carvajal se interroga sobre a capacidade de transformación da imaxe, que se actualiza en cada medio e se engrandece”. “En palabras da propia Clara Carvajal, é un xeito de aludir a aquilo ao que estamos tan afeitos, que xa non o vemos”, sinalou.

Por unha banda, Dioses de la frontera abre o camiño a unha viaxe expositiva e vital en Beirut, onde a artista lle dá un novo significado ás imaxes da Arab Image Foundation, os arquivos do xornal An-Nahar e do fotógrafo Émile Boulos Divers. O obxectivo é desentrañar as formas culturais que se mostran nas poses das personaxes das fotografías, na busca dunha cosmovisión do pobo libanés. Nesta serie, a imaxe materialízase en fotografía impresa, texto escrito, talla en madeira e na súa estampaxe.

Por outra parte, Argucia representa un paso máis ao incorporar a tridimensionalidade en sete caixas que funcionan como contornas abertas. Trátase de pequenas esculturas que lle renden tributo ao Museo portátil do artista francés Marcel Duchamp, e nas que Carvajal se interroga sobre o que se desvela ao contemplar certas imaxes.

Con ambas series, Clara Carvajal mergullouse nunha exploración orixinal na que a arte se converte no medio natural para se somerxer na procura das formas sociais e políticas. Por unha bioloxía da imaxe poderá visitarse ata o 23 de xaneiro de 2022 no Dobre espazo do CGAC.

Charla, visitas guiadas e catálogo arredor da mostra

Como complemento á exposición, Anxo M. Lorenzo avanzou que esta tarde haberá unha charla de presentación ao público, coa participación da artista, a comisaria e o director do CGAC. Será ás 19,00 horas no Auditorio do Centro Galego de Arte Contemporánea.

Así mesmo, todos os domingos ás 12,00 horas haberá visitas guiadas á mostra xunto con mediadoras especializadas en arte. Os percorridos teñen unha duración aproximada de 50 minutos e non precisan inscrición previa.

Por outra banda, o CGAC vai editar o catálogo Por unha bioloxía da imaxe, con textos de Zara Fernández de Moya, Nuria Medina, Teo Millán e Santiago Olmo. Inclúe tamén unha entrevista coa artista, na que reflexiona sobre o concepto de bioloxía da imaxe e sobre a xénese das series expostas.

Nacida en Madrid en 1970, Clara Carvajal é unha artista feminista que traballa con procesos culturais de linguaxes do Mediterráneo e Oriente Medio. O seu obxectivo son a tecnoloxía dixital e as escrituras gráficas xeométricas. Desde o pasado ano é a presidenta da Asociación de Artistas Visuais de Madrid.

Imaxes relacionadas