A Xunta insiste en que os ecoesquemas da futura PAC deben atender á realidade dos sistemas agrarios predominantes na cornixa Cantábrica

O director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias dixo que Galicia, Asturias, Cantabria e País Vasco lograron importantes avances na defensa dos seus agricultores e gandeiros pero que aínda quedan varias demandas por atender

Pola súa banda, o director xeral de Defensa do Monte afirmou que a porcentaxe de xestión da biomasa en todas as parcelas incluídas nas faixas secundarias das parroquias priorizadas situouse arredor do 70 %
 

Santiago de Compostela, 22 de outubro de 2021

A Xunta insiste en que os ecoesquemas da futura Política Agraria Común (PAC) 2023-2027 deben atender á realidade dos sistemas agrarios predominantes na Cornixa Cantábrica. Na súa intervención na Comisión 7ª do Parlamento, o director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros, valorou que o Ministerio de Agricultura, Pesca y Alimentación (MAPA) atendese parte das demandas feitas conxuntamente desde Galicia, Asturias, Cantabria e País Vasco para o deseño destas axudas ambientais, pero engadiu que aínda quedan peticións da España húmida por incorporar.

Nesa liña, José Balseiros recalcou que as negociacións continúan para tentar lograr -entre outras cuestións- unha maior simplificación na execución destes ecoesquemas, así como un proceso de formación e concienciación, co fin de acadar un maior grao de cumprimento por parte dos solicitantes e, en consecuencia, para favorecer a percepción destas achegas. Máis en concreto, en relación co ecoesquema sobre pastoreo extensivo, insistiu en que é preciso aumentar a carga gandeira mínima e a máxima, ademais de computar toda a superficie forraxeira da explotación. Mentres, no referido á sega, apostou por revisar a fondo esta proposta, para que realmente estea pensada para o norte peninsular.
No que respecta ao ecoesquema sobre rotacións en terras de cultivo, abondou na necesidade de ter en conta o pequeno tamaño das explotacións galegas, e no que atinxe ás áreas non produtivas, lembrou que Galicia demanda que se inclúan as superficies de pastos e que se computen as illas, sebes e outras estruturas lindeiras que serven de refuxio e alimentación de insectos e aves, así como as pequenas infraestruturas agrarias tradicionais.


Como resumo, o director xeral sinalou que Galicia e o resto de comunidades da Cornixa Cantábrica conseguiron importantes avances para os seus agricultores e gandeiros, como a creación de ecoesquemas adaptados á nosa terra e climatoloxía. Con todo, concluíu, agárdanse máis melloras nas negociacións para deseñar a futura PAC e para afondar na sustentabilidade do sector agroalimentario.

Xestión da biomasa

Pola súa parte, o director xeral de Defensa do Monte, Manuel Rodríguez, interveu para dar conta do estado da xestión da biomasa ao abeiro do convenio de protección das aldeas. Así, apuntou a porcentaxe de xestión nas parcelas das faixas secundarias das parroquias priorizadas rolda o 70 %, tanto en superficie como en número de parcelas.

Manuel Rodríguez sinalou que para o exercicio de todas as accións contempladas no convenio, a empresa pública Seaga conta cun total de 160 traballadores, entre eles 30 novos capataces contratados neste 2021 para incrementar o número de inspeccións do estado de xestión da biomasa nas parcelas das faixas secundarias, incluíndo tamén a supervisión de parroquias non priorizadas de concellos sumados ao acordo.

Na intervención, o director xeral de Defensa do Monte referiuse ao convenio de protección das aldeas como un acordo que presta un importante apoio aos 270 concellos adheridos, principalmente aos que teñen parroquias priorizadas, para -entre outras cuestións- a revisión do estado de xestión das parcelas e a preparación de notificacións e publicacións ou os procedementos de execución subsidiaria, tendo en conta que as competencias neste eido son dos consistorios.

Manuel Rodríguez tamén tratou na Comisión 7ª a situación das casetas de vixilantes dos distritos forestais, sinalando que os 44 puntos de vixilancia fixa existentes nos 19 distritos se manteñen con respecto a 2018. O número de vixilantes, mentres, acada os 173, o que supón que, segundo dixo, haxa unha media de catro vixilantes por caseta. O director xeral engadiu que o emprazamento destes puntos e o número de vixilantes asignados responde a parámetros como a distribución histórica dos incendios forestais en Galicia.

Por último, tamén compareceu na comisión parlamentaria o director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal). Así, José Luis Cabarcos defendeu a xestión da Xunta ante a moción de censura presentada no seo do Consello Regulador da denominación de orixe vitivinícola Ribeira Sacra. Destacando que se trata dunha corporación con personalidade xurídica propia, sinalou que o Goberno galego tentou mediar entre as partes e instou ao presidente de dito Consello Regulador a que convocase o pleno solicitado, ademais de iniciar o procedemento para celebrar eleccións que designen novos representantes. O director da Agacal concluíu afirmando que a moción de censura non ten afectado aos aspectos básicos da xestión da denominación de orixe, isto é, aos referidos ao control da calidade, á certificación dos viños e á promoción no mercado.
 

Imaxes relacionadas