A Xunta traballa para incorporar as ensinanzas de bacharelato canto antes no instituto Pedras Rubias, de Salceda de Caselas

O secretario xeral técnico da Consellería de Cultura, Educación e Universidade, Manuel Vila, explicou no Parlamento que esta oferta está vinculada ás obras de ampliación do centro, que a Xunta prevé licitar no primeiro trimestre do próximo ano

Santiago de Compostela, 22 de outubro de 2021

A Xunta de Galicia traballa coa previsión de incorporar canto antes as ensinanzas de Bacharelato no IES Pedras Rubias de Salceda de Caselas e, deste xeito, atender a demanda das familias, segundo anunciou esta mañá o secretario xeral técnico da Consellería de Cultura, Educación e Universidade, Manuel Vila, ante a Comisión 4ª de Educación e Cultura do Parlamento de Galicia.

A consellería está traballando “na progresiva implantación” destas ensinanzas cuxa oferta, segundo explicou, está supeditada á obra de ampliación do IES que ten programada a Consellería. Trátase dunha “actuación prioritaria” do Goberno galego para o cal se solicita o apoio do Concello de Salceda de Caselas no que atinxe ao encaixe urbanístico e a cesión dos terreos, abondou Manuel Vila.

A Consellería ten previsto sacar a concurso no primeiro trimestre do próximo ano a redacción do proxecto de ampliación deste instituto que suporá un investimento de máis de 1,5M€. A obra -segundo concretou o secretario xeral técnico- realizarase de acordo co Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica da Xunta de Galicia, que é a folla de ruta do Goberno galego para as infraestruturas educativas da próxima década, que aposta por un novo modelo de escolas máis flexibles, máis tecnolóxicas e sostibles.