A Xunta publica no Diario Oficial de Galicia a aprobación do proxecto de construción da nova senda na estrada AC-214 entre A Xira e Cambre

As novas actuacións de fomento da mobilidade sostible e de mellora da seguridade viaria contan cun investimento autonómico de máis de 585.000 euros

Executarase a senda pola marxe esquerda da vía, entre os puntos quilómetros 7+220 e 8+540, atravesando a ponte sobre o río Mero e conectando núcleos e zonas de equipamento e servizos

Santiago de Compostela, 22 de outubro 2021

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade publica hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG) a resolución de aprobación definitiva do proxecto de construción da nova senda na estrada autonómica AC-214 no treito entre A Xira e Cambre, no concello de Cambre.

Esta nova actuación de fomento da mobilidade sostible e mellora da seguridade viaria no municipio coruñés conta cun investimento da Xunta de máis de 585.000 euros, nos que se inclúe o aboamento dos 15 predios precisos para a súa materialización. A intervención é susceptible de financiación a través dos fondos FEDER 14/20.

O DOG de hoxe publica, ademais, a aprobación definitiva do expediente de información pública deste proxecto. No seguinte enlace pódese ampliar a información relativa a esta resolución: https://bit.ly/3prGy2o

Onte mesmo, o Consello da Xunta autorizou o decreto das expropiacións para impulsar a execución dunha senda mixta, peonil e ciclista, de máis de 1,3 quilómetros de lonxitude, no treito comprendido entre os puntos quilométricos 7+220 e 8+540, conectando núcleos de poboación entre eles e zonas de equipamentos e servizos.

A Xunta procederá ao levantamento de actas previas e á licitación das obras a finais de 2021 ou principios de 2022. Os traballos contan cun prazo de execución de oito meses

Esta nova actuación do departamento que dirixe Ethel Vázquez consiste na execución dun itinerario peonil e ciclista na marxe esquerda da AC-214, adaptado na súa configuración ás edificacións existentes, e que posibilitará o enlace a pé entre o núcleo de Cambre e A Xira, rematando na estrada AC-213. Deste modo, a senda conectará a capitalidade do concello de Cambre cos itinerarios que existen ao longo do río Mero, e a través destes e doutras sendas que está a promover a Xunta de Galicia, cos núcleos e centros de servizos do Temple, O Burgo ou o Polígono de Alvedro.

No que se refire ao deseño, a actuación formúlase como unha senda de 2 metros de ancho, que se inicia no punto quilométrico 7+220 da vía autonómica AC-214, e discorre paralela a esta pola marxe esquerda, executándose entre treitos xa existentes, para atravesar a ponte existente sobre o río Mero e rematar no punto 8+540.

No seu percorrido o itinerario discorre por treitos de solo rústico e treitos de solo urbano. Nestes últimos existen beirarrúas que serán reparadas, para o que se procederá ao fresado da capa de rodadura e á súa posterior reposición. Ademais, acondicionarase a entorna da parada de autobús situada entre os puntos quilométricos 7+575 e 7+605.

Na Intervención proxéctase, tamén, a execución de dous muros de mampostería de 21 e 17 metros de lonxitude, respectivamente, e de altura variable de 1 a 2,50 metros, entre os puntos 7+329 ao 7+350 e do 7+971 ao 7+988 para soster a senda e mantela elevada sobre o leito do río existente.

Outras actuación na AC-214 e na AC-213

Esta obra complementará outra actuación proxectada na estrada autonómica AC-214, en Sigrás, ao seu paso polo concello de Cambre.

A Xunta destina a esta actuación un investimento de 878.000 euros, co obxectivo de mellorar a mobilidade peonil e a seguridade viaria neste tramo da AC-214. Para iso, construirase unha senda, fundamentalmente peonil, no treito comprendido entre os puntos quilométricos 8+500 e 9+260, desde a intersección tipo glorieta coa AC-213 e a N-550, dentro dos núcleos da Telva, A Xira e A Pena de Sigrás de Abaixo.

Ademais, o Goberno Galego, no compromiso de habilitar nas estradas da súa titularidade itinerarios seguros, sostibles e integrados na paisaxe, tamén aprobou o pasado 23 de setembro as expropiacións para a construción dun itinerario peonil e ciclista na estrada autonómica AC-213 na Telva, nos concellos de Cambre e de Culleredo.

A Xunta investirá nesta actuación case 380.000 euros para habilitar dúas sendas diferentes e complementarias na marxe da AC-213, cunha lonxitude total de 680 metros: 540 na estrada AC-213 e 140 metros no ramal ao polígono de Alvedro