A Xunta alleará 52 lotes por case 1,4 millóns de euros na próxima poxa pública electrónica de madeira que se celebrará en Ourense

Cómpre destacar que 24 lotes contan con certificación forestal sostible PEFC e 13 con dobre certificación PEFC e FSC, os dous sistemas de certificación más implantados a nivel mundial

A plataforma telemática a través da que se realiza a poxa enmárcase na estratexia de Dixitalización e Descarbonización (D&D) que a Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal e a Amtega están a desenvolver conxuntamente
 

Santiago de Compostela, 22 de outubro de 2021

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a resolución da Consellería do Medio Rural pola que se fai pública a convocatoria mediante procedemento aberto con criterio único para un alleamento de madeiras na provincia de Ourense. En concreto, a través da Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal, adxudicaranse 52 lotes de madeira por un importe de 1,38 millóns de euros na próxima poxa pública electrónica que se celebrará o 8 de decembro na xefatura territorial da Consellería do Medio Rural en Ourense.

A práctica totalidade dos lotes pertencen a comunidades de montes veciñais en man común con convenios ou consorcios de xestión coa Consellería. Entre os lotes suman máis de 73.000 metros cúbicos de madeira de piñeiro do país e de piñeiro silvestre, xunto con cantidades menores doutras especies. Isto tradúcese nunha absorción de CO² de 39.000 toneladas que foron retiradas da atmosfera durante a vida destas árbores e que agora serán substituídas por novos pés que continuarán absorbendo este gas de efecto invernadoiro.

A maiores, cómpre resaltar que 24 dos 52 lotes contan con certificación forestal sostible PEFC e 13 con dobre certificación PEFC e FSC, os dous sistemas de certificación más implantados a nivel mundial. Ademais, as empresas que opten aos lotes certificados deben dispor tamén dun certificado de cadea de custodia, que permite garantir a trazabilidade da madeira. Cabe apuntar que a certificación forestal sostible garante -ao máximo nivel- que a xestión dos bosques dos que provén esta madeira é respectuosa co medio ambiente, ao mesmo tempo que cumpren outras funcións ecolóxicas, económicas e sociais.

Cómpre lembrar que -como no caso das poxa electrónicas de madeira celebradas anteriormente- os licitadores realizarán todos os trámites de xeito telemático, dende a consulta dos lotes dispoñibles ata a poxa final. Así mesmo, tanto as empresas participantes na poxa como todo aquel que o desexe poderá seguir o proceso a través dunha sala virtual creada ao efecto.

O procedemento en liña é posible grazas á plataforma desenvolvida entre a Consellería do Medio Rural e a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), que permite consultar os lotes de alleamento e obter información das súas características a través dun visor web cartográfico creado polo Instituto de Estudos do Territorio (IET), dependente da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda. Ademais, permite facer consultas ou buscas por múltiples campos, exportar en formato pdf os planos e mesmo descargar os límites dos lotes en dispositivos móbiles para localizar facilmente as superficies arboradas que son obxecto das poxas públicas.

A maiores, os licitadores poden presentar directamente as súas ofertas económicas na Sede electrónica da Xunta de Galicia, apoiándose nun videotitorial elaborado ao efecto. Toda a información relacionada coas poxas de madeira pode consultarse no seguinte enderezo do portal web da Consellería do Medio Rural: https://mediorural.xunta.gal/gl/temas/forestal/poxas.

Compromiso da Xunta

Con estas poxas electrónicas, a Xunta amosa o seu compromiso para seguir traballando cos axentes do sector forestal na construción de ferramentas dixitais que faciliten a súa actividade económica. Así mesmo, a iniciativa enmárcase nunha sociedade europea que se atopa en vías de descarbonización, coa vista posta nos retos e oportunidades que están a demandar o Pacto Verde Europeo e a transición á bioeconomía.

Nese contexto, preséntase como clave o potencial de ecomateriais substitutivos baseados na madeira -en sectores como a construción, os téxtiles, os produtos químicos ou o envasado- seguindo o principio de “Reconstruír de novo facéndoo mellor” (“Building back better” BBB).

Enlace á resolución no DOG:
https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2021/20211022/AnuncioG0426-240921-0003_gl.html