A directora da Axencia Galega de Innovación, Patricia Argerey, participou esta tarde na Coruña no II Foro de Economía Prospectiva de Galicia organizado pola UIMP

A Xunta anima ao tecido produtivo a aproveitar as oportunidades que ofrece a innovación no actual contexto de recuperación económica

O Goberno galego está a definir actualmente a Estratexia de Especialización Intelixente (RIS3) de Galicia 2021-2027 na que a transición medioambiental e dixital e a orientación ás persoas serán prioritarias

Argerey destaca a importancia dos fondos europeos Next Generation para garantir un crecemento empresarial sustentable a longo prazo e comprometido cos desafíos globais

A Coruña, 21 de outubro de 2021

A directora da Axencia Galega de Innovación (Gain), Patricia Argerey Vilar, asegurou hoxe na Coruña que, no novo contexto de recuperación económica, o tecido produtivo afronta un proceso de transformación no que a I+D+i é clave, polo que instou ás empresas a aproveitar as oportunidades ligadas a esta nova realidade para garantir un crecemento sostido e sostible a futuro. Así o manifestou durante a súa participación no II Foro de Economía Prospectiva de Galicia, organizado pola Universidade Internacional Menéndez Pelayo (UIMP).

Argerey afirmou que este cambio de modelo debe ir acompasado coa transición ecolóxica e dixital, prioridades tanto a nivel europeo como en Galicia e factores clave para impulsar a competitividade do tecido produtivo. Neste proceso, apuntou, o papel da Administración debe ser planificar, escoitar, innovar, executar e acompañar.

A directora de Gain explicou que o Goberno galego atópase actualmente inmerso no proceso de definición da futura Estratexia de Especialización Intelixente (RIS3) de Galicia 2021-2027, que será a folla de ruta das políticas de innovación nos vindeiros anos e a cal propugna un modelo de desenvolvemento territorial baseado na innovación para gañar en competitividade.

Esta iniciativa, que parte dunha visión compartida sobre as capacidades e potencialidades de Galicia, terá entre as súas prioridades a transición medioambiental e dixital, así como a orientación ás persoas.

Todo co obxectivo de conseguir unha Galicia sustentable e dixital grazas a unha sociedade comprometida coa investigación e a innovación como motor de desenvolvemento económico e social.

Para acadar este novo modelo de desenvolvemento territorial, Patricia Argerey apuntou que é preciso sumar esforzos, xa que é unha responsabilidade compartida de todo o ecosistema galego de innovación, e animou a aproveitar a oportunidade que supoñen os fondos europeos Next Generation para garantir un crecemento sustentable a longo prazo e comprometido cos desafíos globais.

Neste sentido, destacou algúns proxectos tractores galegos que aspiran a conseguir fondos europeos, como o Polo para a Transformación de Galicia, unha iniciativa de colaboración público-privada que agrupa unha serie de proxectos de modernización industrial cos que se pretende avanzar cara a transición ecolóxica, a loita contra o despoboamento e o reto demográfico; o Polo Aeroespacial de Galicia, que pretende consolidar o espazo tecnolóxico e industrial creado arredor dos vehículos non tripulados na Comunidade; o Polo de Tecnoloxías Cuánticas, co obxectivo de axudar ao progreso do tecido produtivo e investigador a través da súa transformación dixital; e o proxecto para impulsar a Zendal como un dos grandes centros estratéxicos para a produción de vacinas e produtos sanitarios, en liña coa Estratexia de Consolidación da Biotecnoloxía en Galicia.

Nova marca da compañía Everis

A directora da Axencia Galega de Innovación asistiu, posteriormente, ao evento celebrado pola compañía Everis en Oleiros para anunciar o seu cambio de marca por NTT DATA, compañía xaponesa que adquiriu Everis hai 7 anos. Segundo datos facilitados pola empresa, NTT DATA é a sexta compañía de servizos de tecnoloxías da información do mundo, está presente en máis de 50 países e conta con preto de 140.000 empregados.

Imaxes relacionadas