A Xunta proxecta a renovación das envolventes dos colexios Pedro Caselles e Pintor Antonio Fernández e da iluminación no CEIP Sobrada de Tomiño

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, anuncia estas actuacións, que agora se atopan en fase de licitación cun orzamento global de 513.000€, nunha visita aos colexios

“Imos seguir modernizando os centros de Tomiño, ao abeiro do Plan da Nova Arquitectura Pedagóxica, co obxectivo de mellorar a confortabilidade e a eficiencia enerxética”, sinalou o delegado territorial

Tomiño (Pontevedra), 21 de outubro de 2021

A Xunta de Galicia, a través da Consellería de Cultura, Educación e Universidade, vai renovar as envolventes dos colexios públicos Pedro Caselles e Pintor Antonio Fernández e a iluminación do CEIP Sobrada, no Concello de Tomiño, cun investimento de 513.000 euros.

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, acompañado da alcaldesa de Tomiño, Sandra González, e do xefe territorial de Educación, César Pérez, informou desta triple actuación hoxe ao mediodía nunha visita aos centros e destacou o compromiso da Xunta “para telas rematadas canto antes, posiblemente a comezos do vindeiro ano, xa que se trata de dúas obras moi importantes para mellorar a confortabilidade do interior dos inmobles e a súa eficiencia enerxética”.

Neste senso, o representante autonómico indicou que o compromiso con estas melloras “é firme e está avanzado”, posto que xa se atopan en fase de licitación co obxectivo de proceder á súa adxudicación nas vindeiras semanas.

En canto ás actuacións que se realizarán nos colexios Pedro Caselles e Pintor Antonio Fernández, en Goián, consistirán na renovación integral das súas carpintarías exteriores coa dotación de novas envolventes, o cambio de fiestras e portas e a substitución dos sistemas de persiana. A primeira destas obras, a máis importante deste lote, suporá un investimento de 392.480 euros, mentres que no centro de Goián ascende a 66.295 euros.

Finalmente, tamén vaise proceder á renovación da iluminación do CEIP Sobrada, onde se colocarán falsos teitos, novas luminarias, mandos de alumeado, sistemas de emerxencia e outras obras auxiliares. Estas nova actuación terá un investimento de máis de 54.681 euros.

“Imos seguir modernizando os colexios de Tomiño, ao abeiro das directrices do Plan da Nova Arquitectura Pedagóxica, co obxectivo de dispoñer de mellores espazos, máis amplos, ventilados e versátiles e que ademais sexan máis agradables para as comunidades educativas e teñan un maior rendemento dende o punto de vista enerxético”, apostillou.

Finalmente, o delegado territorial lembrou que o compromiso da Xunta coa educación pública de Tomiño vai ter continuidade e revelou que a consellería reservou, no proxecto de Orzamentos 2022, unha partida inicial, fixada en 50.000 euros, para a ampliación do IES Antón Alonso Ríos.

Imaxes relacionadas