O director xeral de Mobilidade, Ignacio Maestro, destacou no Parlamento as medidas adoptadas para ampliar en máis de 22.000 prazas a capacidade das expedicións, nas que viaxan 13.000 persoas á semana, cun nivel medio de ocupación do 55%

A Xunta presentaralles aos concellos unha proposta completa de mellora das conexións de autobús entre A Coruña e Ferrol

Ignacio Maestro destaca que a Xunta esixiu solucións inmediatas á concesionaria para atender a repunta de usuarios derivada do inicio do curso escolar, o incremento da mobilidade laboral e das vantaxes que supoñen os bonos e a tarxeta Xente Nova, coa que viaxan de balde máis de 36.000 menores de 21 anos nestas áreas

Apunta á complexidade do traballo que se está a ultimar para configurar as melloras que se porán en marcha a curto prazo para atender as demandas dos usuarios

Incide na axilidade nos reforzos postos en marcha na liña directa A Coruña-Ferrol, habilitando 125 prazas máis cada xornada de luns a xoves e ata 337 máis o venres, que se engaden ás 3.700 que se viñan ofrecendo cada día

Pon en valor as sucesivas melloras e a flexibilidade da Xunta para atender ás necesidades dos usuarios do autobús interurbano fronte á actual situación do tren A Coruña- Ferrol, e reclama a recuperación dos servicios ferroviarios nesta conexión

Santiago de Compostela, 21 de outubro de 2021

O director xeral de Mobilidade, Ignacio Maestro, avanzou hoxe que a Xunta traballa coa empresa concesionaria na definición dunha proposta completa de mellora das conexións de autobús entre A Coruña e Ferrol co obxectivo de presentarlla proximamente aos concellos.

Na súa intervención na Comisión 2ª do Parlamento, Ignacio Maestro puxo en valor o especial seguimento que vén realizando a Dirección xeral de Mobilidade do funcionamento dos servizos de autobús entre A Coruña e Ferrol, con expedicións directas por autoestrada e outras por estrada que se alternan cada media hora, con máis de 30 servizos por sentido.

Este seguimento, subliñou, permitiu á Dirección Xeral de Mobilidade detectar no mes de setembro un incremento de usuarios superior ao agardado nalgunhas das expedicións directas entre A Coruña e Ferrol, coincidindo co inicio do curso e a reincorporación presencial de moitos empregados ao seu posto de traballo.

A estas circunstancias, dixo, engadiuse o efecto chamada dos prezos dos bonos, que posibilitan viaxar de xeito ilimitado todo o mes por só 50€ e da tarxeta Xente Nova, coa que os menores de 21 anos viaxan gratis.

Indicou que no que levamos de ano se incrementou nun 16% o número de menores de 21 anos das áreas da Coruña e de Ferrol que empregan a Xente Nova. A día de hoxe máis de 36.000 mozos e mozas dispoñen da tarxeta Xente Nova da Xunta, dos que 5.000 se corresponden con novos usuarios no que vai de 2021. En conxunto, estes mozos realizaron máis de 600.000 viaxes empregando a tarxeta Xente Nova.

O director xeral de Mobilidade incidiu na inmediata actuación da Xunta na adopción das medidas precisas ante o repunte da demanda nos servizos directos, esixíndolle á concesionaria solucións para reforzar os servizos e garantir a atención á demanda.

Explicou que 5 expedicións en horas punta concentraron a maior parte do incremento de usuarios. Son as que ofrecen os servizos directos por autoestrada nos horarios da primeira hora da mañá e da primeira hora da tarde en ambos os dous sentidos.

Para atender de xeito áxil esa demanda, engadíronse ás máis de 3.700 prazas que xa se viñan ofrecendo cada día, unha media de case 150 prazas adicionais cada xornada de luns a xoves, chegando a reforzar con ata 337 prazas máis os venres, cando coinciden os desprazamentos de ida e volta diarios e os traslados da fin de semana ou as pontes festivas, como a do pasado 12 de outubro.

Sinalou que o aumento da demanda atendida os venres está a ser particularmente importante á primeira hora da tarde nos servizos en sentido Ferrol á Coruña, polo que se segue traballando para evitar calquera contratempo aos usuarios.

Maestro explicou que desde mediados de setembro preto de 13.000 persoas viaxaron cada semana nas liñas que conectan as cidades da Coruña e de Ferrol, un servizos que, logo do incremento das medidas adoptadas, teñen unha capacidade de algo máis de 22.000 prazas á semana, cunha ocupación media dos autobuses do 55%.

Xunto coas primeiras medidas activouse un traballo de maior complexidade para configurar as novas melloras nas conexións que se están a ultimar coa fin de presentalas aos concellos. Co obxectivo de coñecer e valorar do mellor xeito posible as necesidades dos usuarios, está previsto a realización de enquisas a bordo.

Ignacio Maestro puxo en valor as melloras realizadas pola a Xunta para atender á demanda de mobilidade fronte á actual situación do tren A Coruña-Ferrol e reclamou a recuperación dos servicios ferroviarios nesta conexión. A día de hoxe Renfe só recuperou 3 dos 6 trens desa liña e ningún dos 2 trens diarios que unían Ferrol e Betanzos.

O director xeral de Mobilidade sinalou que os contratos do Plan de Transporte Público de Galicia, ademais de ser flexibles, contan con marxe de manobra para actuar alí onde sexa necesario.

Imaxes relacionadas