A Xunta colabora coa Universidade de Santiago na posta en marcha dun laboratorio de innovación e economía social

O secretario xeral de Universidades, José Alberto Díez de Castro, participou na presentación do proxecto LIES_GA para a formación, asesoramento e fomento do espírito emprendedor entre o alumnado universitario

Santiago de Compostela, 21 de outubro de 2021

A Xunta de Galicia colabora coa Universidade de Santiago de Compostela (USC) na posta en marcha do Laboratorio Universitario de Innovación e Economía Social (LIES_GA) cuxo proxecto foi presentado hoxe nun acto no que participou o secretario xeral de Universidades do Goberno galego, José Alberto Díez de Castro.

Esta iniciativa ten como principal obxectivo a formación, divulgación, asesoramento e fomento do espírito emprendedor entre os mozos universitarios, ao tempo que impulsar a creación e consolidación de emprego.

O representante da Consellería de Cultura, Educación e Universidade subliñou a importancia do proxecto LIES_GA na medida en que incide “na formación específica e especializada” neste segmento da economía onde prima a solidariedade, a integración social, a sustentabilidade e o compromiso co territorio ao tempo que “conecta” a actividade empresarial co sistema universitario.

Neste senso, o Laboratorio Universitario de Innovación e Economía Social da USC vaille ofrecer aos universitarios formación no ámbito do emprendemento e a innovación como posible traxectoria profesional de autoemprego, cunha especial atención aos máis novos e ao emprego feminino.

Baixo a coordinación dun equipo de docentes da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais, o proxecto acaba de finalizar a súa fase preparatoria. A partir de agora implementarase o seu desenvolvemento cun programa de formación destinado ao conxunto do estudantado universitario sobre Economía Social, e centrado particularmente na xestión económico-financieira das entidades que conforman este sector, e coa incorporación da Economía Social aos Traballos de Fin de Grao (TFG).

Imaxes relacionadas