A Xunta fixa uns investimentos iniciais por 77,1 M€ para o Concello de Pontevedra no proxecto dos orzamentos autonómicos 2022

O delegado territorial, Luis López, informa das contas para a cidade, que inclúen a reforma do IES Luis Seoane, a remodelación integral da residencia de Campolongo, a mellora do centro de menores Avelino Montero e do albergue de peregrinos

“A Xunta é a administración que máis inviste, de longo, na cidade, cunha media de 926,30 euros por habitante e ademais as actuacións deseñadas apostan polas infraestruturas, pero tamén pola educación, a sanidade e o social”, manifesta

A comarca Terras de Pontevedra, xunto aos municipios de Marín e Bueu, conta con 97,1 millóns de euros en investimentos para o vindeiro ano nas contas da Xunta
 

Pontevedra, 21 de outubro de 2021

A Xunta de Galicia vén de fixar uns investimentos iniciais de 77.124.017 euros para o Concello de Pontevedra no proxecto de Orzamentos 2022, segundo revelou hoxe o delegado territorial, Luis López, na presentación das contas para a comarca no edificio administrativo de Benito Corbal na compaña dos xefes territoriais.
“O punto de partida para Pontevedra por parte da Xunta xurde do noso compromiso con esta cidade e está fixado en máis de 77 millóns de euros, unha contía que vaise ampliar con total seguridade a través dos plans, convenios, ordes de axudas ou novos proxectos que xurden ao longo do ano”, manifestou o representante autonómico.
Luis López recalcou que a Xunta “é a institución que máis inviste, de longo, na cidade de Pontevedra, cunha media de 926,30 euros por habitante, o que non resiste comparación ningunha coas demais administracións e ademais as actuacións deseñadas abranguen todos os ámbitos, apostando polas infraestruturas viarias, de saneamento, sanitarias, educativas, sociais, turísticas e culturais”.
O delegado territorial salientou que, ademais, das actuacións da Consellería de Infraestruturas, presentadas na xornada anterior pola súa titular, Ethel Vázquez, e centradas no Gran Montecelo e o saneamento, tamén se recollen especificamente investimentos para a reforma do IES Luis Seoane, no albergue de peregrinos, para a remodelación integral da residencia de maiores de Campolongo ou para a reforma do centro de menores Avelino Montero, entre outras.
“Os principais investimentos, por contía ou singularidade, roldan os 60 millóns de euros, pero as contas da Xunta tamén contemplan para Pontevedra outros investimentos en instalacións deportivas, novas tecnoloxías, maquinaria sanitaria, silvicultura, limpeza de montes e desbroces, obras xudiciais e educativas, como a reforma do IES Valle Inclán, mellora e sinalización do Camiño de Santiago, transporte, dixitalización no ensino ou desenvolvemento dos ARI e rehabilitación de vivendas ata alcanzar os citados 77 millóns”, significou o delegado, que salientou que o Sergas vai investir en tres novos TAC, dous aceleradores, unha resonancia e sala de hemodinámica para os hospitais.
Actuacións na comarca
Por outra banda, Luis López tamén concretou os investimentos para a comarca de Pontevedra e os municipios de Marín e Bueu, que pertencen á area territorial e se sitúan na mesma marxe da ría de Pontevedra. Para todos eles, incluíndo a cidade e estes nove concellos, os Orzamentos 2022 contemplan uns investimentos de 97.157.214 euros, destacando principalmente os máis de 7 millóns de euros para Marín, os case 4 millóns para A Lama, os 2,7 millóns para Poio, 2,6 millóns para Bueu e máis dun millón para Cerdedo-Cotobade ou Vilaboa, respectivamente.
 

Imaxes relacionadas