A Xunta leva os seus programas de formación para o emprego e liderado feminino á feira Edugal

A Consellería de Emprego e Igualdade divulga nun stand propio na feira de Pontevedra o seu pioneiro campus virtual de formación para o emprego e os programas para favorecer a empregabilidade de traballadores menores de 30 anos

Para promover a formación na área das tecnoloxías, a instalación conta coa presenza de robots que interactúan coas persoas visitantes

Un obradoiro asesorará aos máis novos sobre como enfrontar unha entrevista de traballo ou deseñar un currículo

Pontevedra, 21 de outubro de 2021

A Consellería de Emprego e Igualdade conta cun espazo propio na feira Edugal, que se celebra ata o próximo 22 de outubro no recinto feiral de Pontevedra, no que se desenvolven obradoiros, mesas redondas e relatorios especialmente dirixidos a orientar á mocidade e á comunidade educativa sobre o seu futuro profesional. No marco da mesma dáse a coñecer aos asistentes o pioneiro campus virtual de formación para o emprego que a Xunta ven de lanzar.
O Goberno galego aproveita a feira Edugal para informar sobre os seus programas e medios de formación para o emprego, cun modelo actual e dinámico adaptado ao público novo e apostando pola cualificación nun ambiente tecnolóxico. Neste marco, a Consellería de Emprego e Igualdade conta con robots que acompañan as presentacións de temáticas como as habilidades brandas ou obradoiros para mellorar o currículo e enfrontar as entrevistas de traballo.
No contexto da feira, a Consellería de Emprego e Igualdade está a dar a coñecer ao público o Campus Virtual da Xunta de Galicia, primeiro en España na teleformación para o emprego. Tamén programas como formadores dixitais e iniciativas relacionadas coa igualdade laboral e liderado feminino coas que o Goberno galego mantén un firme compromiso.
De carácter máis práctico, impartirase durante a última xornada, mañá venres, un obradoiro sobre a confección de currículos, de cartas de presentación e de como preparar as entrevistas de traballo. Rosanna López Salgueiro, directora da Fundación Pública Galega da Formación para o Traballo, será a encargada de impartir este taller, acompañada do robot Tokio, no stand que recibirá tamén mañá á conselleira de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, durante a súa visita á feira.
Polo espazo de Emprego na feira xa pasaron ata o momento a directora xeral de Formación e Colocación, Zeltia Lado Lago, que tomou parte nunha mesa sobre a empregabilidade das persoas mozas, e a directora xeral de Emprego, Traballo Autónomo e Economía Social, Covadonga Toca que, pola súa banda, moderou unha sesión sobre o papel das mulleres no mundo da empresa e o emprendemento.

Imaxes relacionadas