O director xeral de Mobilidade, Ignacio Maestro, mantivo un encontro cos representantes dos concellos de Ribeira, da Pobra do Caramiñal e de Rianxo, que é o actual presidente da Mancomunidade Barbanza Arousa, ademais do presidente da empresa concesionaria

A Xunta aborda cos concellos da comarca do Barbanza o reforzo dos servizos de autobús que conectan a bisbarra con Santiago de Compostela

Proponse a creación dunha liña con servizos directos entre a comarca e a capital galega, empregando a Autovía do Barbanza e a AP-9 para reducir os tempos de viaxe nas franxas de maior demanda

O sistema incluirá unha rede de servizos lanzadeira que permitirán tanto os desprazamentos entre as distintas localidades como acceder ás expedicións directas

Os concellos avaliarán agora máis polo miúdo o sistema e poderán trasladar as súas achegas

No encontro tamén se expuxo a posibilidade de prolongar as expedicións á Universidade de Santiago de Compostela, durante a tempada lectiva, ademais de reforzar a información das liñas e horarios nas paradas

2.128 menores de 21 anos do Barbanza viaxan gratis nos autobuses interurbanos por toda Galicia coa tarxeta Xente Nova, que supón aforros anuais de ata 1.800€ aos estudantes que se despracen a diario a Santiago

Santiago de Compostela, 20 de outubro de 2021

A Xunta abordou cos alcaldes da comarca do Barbanza o reforzo dos servizos de autobús que conectan a bisbarra con Santiago de Compostela.

A xuntanza celebrada en San Caetano contou coa participación do director xeral de Mobilidade, Ignacio Maestro; o subdirector xeral de Ordenación do Transporte, Antón García Río; o alcalde de Rianxo e presidente actual da Mancomunidade Barbanza Arousa; o alcalde da Pobra do Caramiñal, Xosé Lois Piñeiro; a tenente de alcalde de Ribeira, María José Sampedro; a xerente da Mancomunidade Barbanza Arousa, Fátima Cachafeiro; e o presidente de Monbus, Raúl López.

Durante o encontro, a empresa trasladou unha proposta de reestruturación dos servizos para reducir os tempos de viaxe entre Ribeira e a capital de Galicia nas franxas horarias de maior demanda.

A configuración deseñada baséase na creación dunha liña express que prestaría servizos directos entre a comarca e Santiago, empregando a Autovía do Barbanza e a AP-9.

Esta proposta prevé unha rede de servizos de tipo lanzadeira que permitirían tanto os desprazamentos entre as distintas localidades, como acceder ás expedicións directas. As conexións con esta liña efectuaríanse a través dun transbordo nunha nova parada localizada nas inmediacións da saída A-23 da AG-11.

Neste sentido, unha vez exposta a proposta, os concellos avaliarán a proposta de mellora dos servizos e poderán trasladar as súas achegas.

Reforzo de servizos durante o curso universitario

No encontro tamén se expuxo a posibilidade de prolongar as expedicións durante a tempada lectiva ao Campus da Universidade de Santiago de Compostela, o que suporía unha mellora da calidade do servizo para os mozos que estudan na capital galega.

Ademais analizáronse as principais demandas dos usuarios da comarca, trasladadas polos alcaldes, centradas na información sobre os horarios nas paradas. A este respecto acordouse que a empresa concesionaria reforzaría a información de liñas e horarios nas paradas físicas de autobús, comprometéndose tamén a remitir esa información aos Concellos para unha maior difusión.

Na actualidade, 2.128 menores de 21 anos da comarca do Barbanza viaxan de balde nos autobuses interurbanos da Xunta por toda Galicia coa tarxeta Xente Nova, que lles permite aforros anuais de ata 1.800 euros aos estudantes que se despracen a diario a Santiago de Compostela.

De xeito máis detallado, Ribeira conta co maior número de mozos con tarxeta Xente Nova, un total de 1.750, seguido de Boiro, no que se expediron 567 dispositivos. Pola súa banda, en Rianxo emitíronse 253 tarxetas e na Pobra do Caramiñal foron 233.

Cómpre lembrar que a Xunta estendeu o 21 de maio a cobertura territorial da tarxeta Xente Nova a toda Galicia. Así, a expedición destes dispositivos segue medrando e en setembro bonificáronse no Barbanza máis de 10.500 viaxes por importe de 15.000 euros.