O director xeral de Mobilidade, Ignacio Maestro, participou hoxe na Conferencia Nacional de Transportes

A Xunta traslada ao Ministerio de Transportes a súa preocupación ante o anuncio de implantación do pago por uso das autovías e urxe transparencia e diálogo coas autonomías

A Consellería de Infraestruturas insiste na necesidade de que o Goberno de España concrete o modelo de pago por uso de autovías que prevé implantar e teña en conta a súa repercusión nos territorios periféricos e no transporte de mercadorías

O Goberno galego manifesta tamén a súa disconformidade cos criterios establecidos para as subvencións á renovación de frota de autobuses e camións, orientada só ás contornas urbanas e alleas ás necesidades do territorio disperso e rural de Galicia

A Xunta reitera, unha vez máis, a necesidade de que os fondos europeos de reconstrución ‘Next Generation’ para mobilidade se distribúan con criterios de equilibrio territorial e contribúan tamén ao progreso de Galicia

Santiago de Compostela, 20 de outubro de 2021

A Xunta de Galicia trasladoulle hoxe ao Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana a súa preocupación ante o recente anuncio de implantación dun sistema de pago por uso das autovías e urxiu a abordar este tema con transparencia e diálogo coas autonomías.

Así o manifestou o director xeral de Mobilidade da Xunta, Ignacio Maestro, quen hoxe participou na Conferencia Nacional de Transportes que estivo presidida pola secretaria de Estado de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana, Isabel Pardo de Vera.

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade considera imprescindible que antes de avanzar na tramitación do sistema de pago por uso das autovías, o Goberno de España concrete o modelo proposto e inicie un proceso de diálogo cos axentes afectados, tendo especialmente en conta os gobernos autonómicos.

A xuízo do Goberno galego é necesario que calquera sistema de pago polo uso das autovías que se queira implantar teña en conta o seu impacto nos territorios xeograficamente periféricos, así como no sector do transporte de mercadorías, que padece xa as consecuencias do elevado custo dos carburantes.

Para a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade é necesario que se convoque unha Conferencia Sectorial centrada exclusivamente no asunto do pago por uso das autovías.

Na Conferencia Nacional de Transportes de hoxe, o Goberno de España presentou ante as Comunidades Autónomas o proxecto de real decreto e os criterios de reparto e de distribución territorial da liña de axudas para a transformación de frotas do transporte de viaxeiros e de mercadorías de empresas de transporte por estrada.

Segundo os datos comunicados polo Ministerio de Transportes, a Galicia correspóndenlle 12,8 M€ do total de 174 M€ consignados nesta primeira convocatoria de axudas, que deberán ser xestionadas pola Xunta.

As axudas deberán destinarse ao achatarramento de vehículos, á adquisición de vehículos de enerxías alternativas, á substitución dos sistemas de propulsión dos vehículos, á implantación de infraestruturas de recarga de vehículos eléctricos e á compra de remolques e semirremolques para autoestradas ferroviarias.

Ao respecto desta convocatoria, a Xunta trasladou a súa disconformidade cos criterios establecidos para as subvencións, que cobren só o 40% do sobrecusto tecnolóxico da tecnoloxía limpa sobre a diésel. Para o Goberno galego, trátase dunha axuda insuficiente e pouco atractiva á hora de estimular a renovación das frotas cara a sistemas máis ecolóxicos, xa que o seu prezo é moi elevado.

Así mesmo, o Goberno galego considera que as axudas para adquisición de novos vehículos e para modificación de sistemas de propulsión, ao estar centradas na promoción de vehículos eléctricos ou de hidróxeno verde, non responden ás necesidades de mobilidade de Galicia.

Os sistemas de mobilidade eléctrica ou baseados en hidróxeno verde teñen actualmente unha utilidade centrada nas contornas urbanas e non permiten realizar o transporte de pasaxeiros e de mercadorías nun territorio tan disperso e rural como a comunidade galega.

Tendo en conta isto, a Xunta reiterou, unha vez máis, a necesidade de que os fondos europeos de reconstrución ‘Next Generation’ para mobilidade se distribúan con criterios de equilibrio territorial e contribúan tamén ao progreso de Galicia.

Imaxes relacionadas